Real Academia Galega // Luísa Villalta

O próximo martes, 14 de maio, ás 19.00 h, a escritora Marga do Val pronunciará na Biblioteca Municipal de Tui unha conferencia titulada “Luisa Villalta, devir comunidade” dedicada á figura desta escritora a quen se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas.

Marga do Val sinala, nunha recente entrevista, que «Luísa Villalta é unha escritora moi completa. Eu sempre digo que se falamos de Otero Pedraio como o polígrafo de Trasalba, podemos falar de Luísa Villalta como a polígrafa da cidade alta, da cidade da Coruña. Escribiu teatro, poesía, ensaio, narrativa. É unha escritora que escribiu para os tempos de hoxe, que escribiu para nós».

No decurso do seu relatorio Marga do Val analizará a obra de Luisa Villalta completando a súa intervención coas lembranzas derivadas da súa mutua amizade, da súa participación en numerosos proxectos e iniciativas de carácter social e cultural.

Para a concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade do Concello de Tui, Sonsoles Vicente Solla, esta actividade, que forma parta da programación de “Tui en letras2024”, ofrece a oportunidade para o achegamento á figura de Luisa Villalta e a súa transcendencia para a cultura galega. O Concello de Tui agradece a Marga do Val que se achegue ata esta cidade, que sente como propia, para pronunciar este relatorio baseado no estudo e coñecemento da obra de Luisa Villalta pero tamén nas numerosas experiencias persoais compartidas.