José Carlos Martínez Crespo presentou á súa candidatura á Alcaldía do Rosal destacando a aposta pola renovación (a metade dos 14 integrantes estréanse), así como a pluralidade, o arraigo no territorio e a pluralidade. “Son heroes e heroínas que aman ao seu pobo, persoas que proceden de diversos eidos, de diferentes parroquias e que cren que no debate está o encontro”, afirmou.

No acto, celebrado no salón de exposicións do Concello, estivo acompañado do secretario xeral provincial do PSdeG-PSOE, David Regades, o alcalde da Guarda, Antonio Lomba, o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, a deputada Leticia Gallego, a candidata en Tomiño, Violeta de Santiago ou o candidato de Oia, Gerardo Rodríguez Refojos.

Crespo definiu a proposta socialista como un goberno da xente, de toda a veciñanza do Rosal e non dunhas siglas e por iso o seu programa ocúpase de problemas e cuestións reais para mellorar a vida da xente. Así apostou por apoiar que se remate a Vía de Alta Capacidade (VAP) cualificándoo como unha infraestrutura básica para que O Rosal non quede descolgado. “Se conseguimos achegar O Porriño a 20 minutos e Vigo a 30 minutos  estaremos axudando a fixar poboación no noso Concello”, afirmou.

No mesmo eido situou o impulso ao servizo de banda ancha a todo o rural aproveitando o programa ÚNICO-Banda Ancha do Goberno de España, polo que a fibra óptica chegará a tódolos fogares antes do ano 2025. Facilitándose o teletraballo facilítase tamén a incorporación ao mundo rural, argumentou.

No seu programa figura tamén a execución conxunta co Concello da Garda dun parque empresarial que dea resposta ás necesidades de solo empresarial para as pemes. O candidato socialista propón a revitalización dos barrios do Rosal, a recuperación dos espazos públicos e a mellora das conexións co centro do municipio, así como a execución de sendas e sendeiros peonís.

No apartado cultural reivindicou unha cultura universal e para todos e todas, sen filtros ideolóxicos. “Queremos unha programación cultural inclusiva para todos os veciños e veciñas e non unha programación cultural dun partido político, como sucede agora”.

Crespo prometeu, finalmente, impulsar políticas sociais pensadas para a mocidade, para as persoas vulnerables e para as persoas maiores, así como reforzar os programas e medidas que axuden á conciliación familiar e laboral. Neste apartado tamén reivindicou a reclamación dun Centro de Saúde dotado de persoal médico, incluíndo servizo diario de Pediatría.