Traiñeira de Meira

A tripulación de Meira gañou hoxe en A Guarda, cun tempo de 5:43, a regata contrarreloxo de traiñeiras organizada pola Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais Piueiro e o clube de remo Robaleira para homenaxear ós remeiros aficionados guardeses, pescadores todos eles, que entre os anos 40 e 70 do pasado século popularizaron este deporte na vila do Baixo Miño. Despois de Meira acadaron o mellor tempo, nun percorrido de 1.400 metros, Robaleira (6:03), Chapela (6:04), Areas (6:12), Muros (6:52) y Rianxo (6:54).

No transcurso do acto, presentado polo xornalista da TVG Terio Carrera, tamén foi homenaxeado Juan María Yáñez, de Rianxo, que con 69 anos disputou hoxe a que asegurou que ía ser a súa derradeira proba. Yáñez recibiu un recoñecemento pola súa traxectoria e o aplauso de todos os asistentes.

A pesares da intensa chuvia, o espectáculo vivido no porto guardés foi seguido con entusiasmo por preto de máis dun cento de persoas, que se sumaron deste xeito á homenaxe deportiva ós homes que popularizaron en A Guarda un deporte nado da propia práctica da pesca. Daquela, os pescadores organizábanse en botes de seis remeiros e un timonel –semellantes ás actuais traiñeiras- baixo o nome dunha taberna ou dunha tenda da vila e competían entre elas co gallo da celebración das festas do Carme.

As diferentes embarcacións respondían a nomes coma Jaula, Morales, Barquiño ou Mau Mau, que son as máis antigas das que se ten memoria e que terían continuidade noutras coma Chupa Ovos, A Revoltosa ou Alpiste.

Neses anos, como sucedeu esta tarde, o porto de A Guarda enchíase de público para seguir o enfrontamento final entre dous botes e cóntase que os gañadores pasaban despois longas xornadas de celebración ás que se unían, en ocasións, os perdedores.

Aprazado entrega premios ós vellos remeiros

A entrega de galardóns os remeiros daquela época aínda vivos e os familiares dos que xa morreron foi posposta pola organización debido a intensa chuvia e celebrarase as próximas semanas nun escenario cuberto.