Merchi Martínez

A Presidenta da Entidade Local Menor de Camposancos, Merchi Martínez, foi elixida por unanimidade na asemblea local do BNG candidata a presidenta da Entidade.

Merchi Martínez declarou “queremos continuar o proxecto de  transformación iniciado fai catro anos e seguir abrindo as portas da Entidade a toda a veciñanza. Continuar creando espazos de encontro, colaboración e participación para que Camposancos sexa ese lugar agradábel e cheo de dinamismo no que sentimos orgullo de vivir”.

Entre as medidas que quere poñer en marcha no novo mandato destacou “A auga é un ben esencial. Poñeremos en marcha  un novo regulamento de augas e buscaremos outras captacións  ademais de continuar co proceso de mellora e modernización  da rede e con  actuacións que contribuian ao aforro enerxético”.

Tamén avanzou que “a limpeza de rúas, camiños, regos, fontes e lavadoiros seguirá sendo  un traballo prioritario para o noso equipo así como a mellora dos espazos naturais coa  plantación de árbores autóctonas”.

Anunciou tamén a posta ao día  dos alugueiros obsoletos ou de  novas licitacións da propiedade da Entidade Local Menor.

Acompáñaa na candidatura o actual vocal da Entidade polo BNG Ricardo Portela, para quen tivo palabras de agradecemento pola súa implicación e dedicación.