Segundo o grupo socialistas, a Deputación de Pontevedra vén de cambiar o reparto das subvencións, valoradas nun total de 2,7 millóns de euros, que o anterior Goberno provincial socialista concedeu aos concellos da provincia para resarcilos os danos provocados polos temporais do último Nadal. «Os actuais dirixentes da Deputación, en mans do PP, apoiáronse para elo nun informe á carta de MeteoGalicia que rectifica os datos das precipitacións rexistradas que se tiñan certificado polo organismo meteorolóxico da Xunta o pasado mes de febreiro».

As axudas foron repartidas polo anterior Goberno, presidido por Carmela Silva, no mes de xuño, a partir dos datos oficiais de MeteoGalicia sobre as precipitacións rexistradas o 1 de xaneiro pasado nos concellos de menos de 20.000 habitantes. As bases do plan estableceron un baremo obxectivo que asignaba cantidades fixas en función da choiva rexistrada por metro cadrado nesa xornada. A anterior presidenta provincial asinou en xuño a resolución pola que se repartían e publicaban as subvencións.

«A chegada do PP ao Goberno da Deputación só un mes despois traduciuse na solicitude dun segundo informe sobre as precipitacións a resultas, supostamente, da petición dalgún dos 26 concellos que se acolleron a estas axudas. O segundo informe pluviométrico, que rectifica ao primeiro, foi asinado polo subdirector xeral de Meteoroloxía e Cambio Climático, Isaac Gómez, o pasado 7 de agosto«. sinalan os socialistas.

Na súa rectificación, o subdirector xustifícase escribindo que “a solicitude de aclaración dos valores estimados pola interpolación por parte dalgúns dos concellos afectados, fixo que MeteoGalicia levase a cabo unha revisión máis exhaustiva dos datos empregados”. Engade que detectouse un erro nos datos dunha estación meteorolóxica “que subestimou a precipitación nos concellos de Rodeiro, Agolada e arredores”. Finalmente, insiste que os datos de MeteoGalicia “proceden dunha interpolación, é dicir, dun proceso estatístico suxeito a incerteza á que hai que sumar a dos datos recollidos polos pluviómetros e radar. Non obstante, a modificación vai bastante máis alá dos concellos aos que alude MeteoGalicia».

«A resultas desta corrección– din os socialistas- viron incrementados o importe da subvención cinco concellos gobernados polo Partido Popular: A Guarda, A Lama, Campo Lameiro, Covelo e Oia; ademais lograron subas na subvención provincial Agolada e Vila de Cruces (independentes), Cuntis e Rodeiro (PSdeG-PSOE) e Moaña (BNG). Tamén se incluíu a Cerdedo-Cotobade (PP) que quedara fóra do reparto por un erro na transcrición. Pola contra, pasaron a recibir menos importe os concellos de O Rosal e Mondariz-Balneario (BNG), As Neves (PP) e Fornelos de Montes (PSdeG-PSOE). Sen embargo, Fornelos reaccionou achegando un terceiro informe de MeteoGalicia, cinguido exclusivamente ao seu concello, e acabou logrando mesmo o incremento da subvención inicial».

Aseguran dende o PSOE que o Partido Popular «tratou de ocultar esta modificación no reparto, aprobada na Xunta de Goberno provincial, camuflándoa como unha prórroga nos prazos de execución das obras».

O voceiro do grupo provincial socialista, Carlos Font, considera que estamos diante dunha auténtica “trapallada caciquil típica do PP”, pero manifesta a perplexidade con MeteoGalicia: “como é posible que poida certificar que na provincia de Pontevedra chove distinto segundo goberne o Partido Socialista a Deputación ou o ente provincial estea en mans do Partido Popular. Está clarísimo que na Deputación querían cambiar o reparto, coa súa habitual tendencia ao partidismo, e fixeron todo o que puideron para facelo”, conclúe.