O BNG anuncia a renuncia de Xan Lois Lomba Alonso, concelleiro desta formación nacionalista na Guarda desde o ano 2003.

“Motivos persoais e profesionais impídenme adicarlle ao Concello o tempo necesario que require, polo que decidín poñerme a un lado e deixar paso a Miguel Fernández. Axudei a pór en marcha a parte do goberno municipal do BNG até onde o tempo me permitiu facelo. Miguel Fernández é unha persoa con moita capacidade e con ideas claras. Deixo un grupo de amig@s, pero, sobre todo, deixo a un grupo de persoas conscientes da responsabilidade que teñen e coa ilusión intacta para cambiar o noso pobo. Grazas a tod@s pola paciencia e pola comprensión durante estes anos”, comentou Xan Lois Lomba, concelleiro do BNG.

“Non teño máis que agradecementos para Xan, un compañeiro e un amigo que sempre vai estar aí. No BNG somos conscientes da importancia que tivo Xan nos últimos anos; agora toca mirar para adiante, temos un proxecto que poñer en marcha e levar adiante, un proxecto encamiñado a cambiar á Guarda, devolvela ás persoas, con iniciativas políticas que van dende unha mellora da xestión dos servizos públicos até o cambio de modelo de vila. En definitiva, como sempre expuxemos, unha Guarda para as persoas”, comentou Anxo Baz, Tenente Alcalde da Guarda.