O 10 de outubro conmemórase o Día Mundial da Saúde Mental, celebración que cumpre 25 anos e conta co apoio da Organización Mundial da Saúde (OMS). A saúde mental no lugar de traballo foi o tema elixido a nivel mundial para esta conmemoración, considerando que se trata dun asunto de interese para os axentes sociais, as institucións e a sociedade en xeral.
A este propósito, e coincidindo coa celebración do vinte aniversario de Avelaíña, quísose chamar a atención sobre esta realidade, instalando mesas informativas na planta -1 do Hospital Álvaro Cunqueiro, e agasallando cunha avelaíña a todas as persoas que se achegaban ás mesas para informarse e colaborar. O obxetivo desta acción era conseguir a complicidade da xenta, sendo portavoces da labor e traballo desta Asociación en prol das persoas con enfermidade mental.
Tamén se colocou un gran mural, para animar a todas as persoas a plasmar as súas propostas sobre como se pode fomentar a saúde mental no entorno laboral, fomentando así a participación da cidadanía na reflexión sobre os problemas de saúde mental no ámbito laboral.
Avelaíña tamén ten previsto outras accións de sensibilización no mes de outubro, que deesenvolveranse en diversos Concellos de Baixo Miño, Val Miñor e Condado e Paradanta, con mesas informativas onde a poboación poderá coñecer máis sobre a saúde mental e o traballo que realiza a asociación. Para o día 10 de outubro, coincidindo co día Mundial da saúde mental organizarase unha andaina solidaria no Concello de A Guarda, que se completará cun acto insititucional e a actuación dun grupo musical.
Estímase que o 25% das persoas terá un problema de saúde mental ao longo dá súa vida. Ademais, en Europa, os trastornos mentais son o segundo problema de saúde máis común no traballo.
En canto á inserción laboral das persoas con problemas de saúde mental, estímase que só un 15,9% delas traballa, a pesar de ser o segundo grupo máis numeroso de persoas con discapacidade en idade laboral (“El empleo de las personas con discapacidad”. Instituto Nacional de Estadística. 2015).
As asociacións de familiares e persoas con problemas de saúde mental de Galicia denunciamos amplamente esta situación e reivindicamos o dereito destas persoas a ter un traballo digno e saudable, destacando o seu potencial e capacidades para poder desempeñar un posto de traballo de forma responsable e axeitada.
Avelaíña.
Avelaíña foi creada fai 20 anos coa finalidade de promover a recuperación das persoas con problemas de saúde mental, a súa integración social, a mellora da asistencia e a súa calidade de vida, así como a defensa dos seus intereses e dereitos. Conta con dous centros de rehabilitación e un piso protexido e presta servizos no Baixo Miño, Val Miñor e dende o ano pasado, tamén nas comarcas de Condado e Paradanta.