Manifesto Miñor asegura que o alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, «segue instalado na política de campanario: propaganda e venda de fume como se o Concello fose un municipio rico con todas as necesidades básicas cubertas».
«O Sr. alcalde ignora , burlándose da veciñanza, que estamos no medio dunha Pandemia que non se lembra en cen anos e dunha crise económica e social que está precarizando a centos d@s nos@s veciñ@s que van tirando grazas ao apoio das redes familiares, ás axudas da emerxencia social ou, directamente da caridade que lle ofrecen algunhas ONGs«, sinala Antonio Araújo.
«Por exemplo, di, o curso escolar vai comezar con centos de nen@s que se verán atrapados pola fenda dixital ou pola carencia das ferrementas dixitais necesarias que lle permitan un ensino, ou o apoio ao mesmo, telemático axeitado. Cos 152.000€ que van custar o “pipicán” e a pista de skate, daría para cubrir as necesidades do alumnado de Gondomar da falla desas ferramentas: tablets ou outro tipo de dispositivos….»
Araújo matiza que 152.000.-€ darían para levar o saneamento a moitos barrios das parroquias de Gondomar que en pleno S.XXI «carecen deste servizo ou, cando menos para inicialos: Zapa (Chaín); O Pereiro (Donas); Couso; ou mesmo no Barrio da Pedra en Morgadáns….. Arranxar camiños, ou levar a auga pública a outros lugares do municipio que carecen deste servizo básico».
Araújo afirma que Gondomar non é New York ou París onde son necesarios este tipo de espazos para as mascotas, «senón que por sorte estamos rodeados de montes, ríos, etc para levar os animais sen causar molestias a ninguén. Gastar 152.000.-€ nun “Pipicán” e nunha pista de Skate (xa temos unha), ademais de estragar dous parques públicos: o da Coelleira cun pegote de formigón e ou futuro parque do “tanque de tormentas” co “pipicán”, é un insulto á intelixencia e unha burla ás persoas que necesitan custións de primeira necesidade».
«Dende “Manifesto Miñor” esiximos do Goberno Local do Sr. Fereira que deixen a propaganda para outra ocasión e que invistan eses cartos en emerxencia social; comedores escolares, material informático para o alumnado con menos recursos ou, en saneamento e auga pública nas parroquias. Que se poña a traballar para facilitar a chegada da fibra óptica ao rural e para que Gondomar poida ter canto antes un centro de día para as persoas maiores ou dependentes».