En xuntanza celebrada o día 9 de setembro de 2019 en Gondomar, o grupo Modepén Val Miñor, integrado na plataforma Movemento Galego pola Defensa das Pensións Públicas, decidiu o seguinte:

Manifestar o seu apoio ás Alegacións presentadas pola Asemblea Veciñal por un Transporte Digno para Gondomar (AVTG) (con data de 22 de agosto de 2019) ao Anteproxecto de explotación para a comarca do Baixo Miño e sur da comarca de Vigo, elaborado polo Servizo de Mobilidade de Pontevedra da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia.

Como integrantes dun colectivo preocupado por todos aqueles aspectos que afectan ao benestar das persoas maiores, e non só das súas pensións públicas, consideramos que a mobilidade dos nosos maiores dentro da comarca do Val Miñor e cos concellos limítrofes debe de estar garantida cun servizo de transporte que se axuste ás necesidades reais da veciñanza de Gondomar, Nigrán e Baiona.

E queremos facer especial fincapé en dous aspectos: a necesidade de que os autocares estean adaptados á súa condición física (autocares con plataforma baixa) e a creación dunha rede interparroquial de transporte a nivel de todo o Val Miñor que favoreza a súa mobilidade para levar a cabo as súas xestións.