A número dous do BNG por Pontevedra, Montse Prado, reuniuse con persoas usuarias do transporte público do Val Miñor para coñecer de primeira man as súas demandas.

Para o BNG, cunha concepción radicalmente oposta á do PP, o transporte público colectivo non se reduce a realizar traslados da periferia á cidade. Trátase de vertebrar o territorio, de dar cumprida solución ás demandas da veciñanza e de contribuir á reducción do transporte individual, no camiño dunha mobilidade sostíbel, máis respectuosa co medio ambiente.

Tras 11 anos de goberno Feijóo o transporte público colectivo segue sen estar implantado no conxunto do noso territorio. O novo Plan de Transporte Público de Galicia non veu resolver as graves deficiencias na mobilidade no noso país, tampouco no Val Miñor”, indicou Prado.

Así, unha das principais eivas segue a ser a falta de integración do transporte urbano de Vigo e o interurbano de Gondomar no Transporte Metropolitano, impedindo así transbordos e bonificacións no custe dos billetes que, ademais de contribuír ao aforro das familias, incentivarían o uso do transporte público colectivo en detrimento do privado e individual. E, no caso de Gondomar, impide que os menores de 21 anos poidan viaxar de balde.

O único que favorece o Plan do goberno Feijóo é que os novos contratos acaben concentrándose, como está a ocorrer, nunha única grupo empresa, en detrimento das pequenas e medianas da zona. Este feito acabará producindo efectos negativos na prestación, xa que primará o beneficio económico sobre a calidade, sobre as condicións laborais do persoal, e, obviamente, sobre as necesidades do servizo da cidadanía”.

A candidata afirmou que “o BNG comprométese coa veciñanza do Val Miñor a buscar unha mellor solución aos seus problemas demobilidade e, ao mesmo tempo, contribuír á redución do transporte individual, no camiño dunha mobilidade sostíbel máis respectuosa co medio ambiente«.