La exposición fotográfica “Sorrisos transformadores”, en A Guarda

A deputada de Cohesión Social, Digna Rivas, asistirá, xunto ao alcalde Carlos Padín, este martes 20 de febreiro, ás 11:00 horas no Edificio Área Panorámica de Tui, á charla que impartirá Cristina Palacios, presidenta da Asociación de Familias de Menores Trans* ARELAS, na que afondará sobre a situación do colectivo LGTBI, aportará a súa experiencia persoal e responderá ás dúbidas e cuestións que poidan xurdir.

A conferencia, á que están invitados o alumnado e profesorado do IES San Paio e do IES Indalecio Pérez Tizón de Tui, está encadrada na inauguración da mostra “Sorrisos Transformadores”, un proxecto fotográfico para a visibilización do colectivo LGTBI posto en marcha pola institución provincial en colaboración con ARELAS.

“Sorrisos Transformadores” é unha exposición itinerante que vén de percorrer varios concellos da provincia e que consta de 10 imaxes nas que aparecen retratadas persoas alegres, orgullosas, que amosan unha parcela da súa vida que lles gusta.

Cada fotografía está acompañada por un texto que reflicte unha frase ou unha idea sobre a protagonista ou sobre a súa contorna. Entre as persoas retratadas inclúense persoas de relevancia social, sexan ou non transexuais, pero si relacionadas coa realidade destas persoas pola súa profesión e que axudan á hora de transmitir a súa mensaxe, como son especialistas da educación, do dereito, da política ou da psicoloxía.