A Deputación de Pontevedra e o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) invitan a celebrar a riqueza da lusofonía na II Gala da Lusofonía, que terá lugar o 23 de novembro no Centro Cultural da Guarda.
A gala, titulada “A República dos Sonhos” e presentada pola xornalista Esther Estévez, promete unha experiencia única de irmandade cultural entre Galicia e o universo lusófono, que inclúe, música, entrevistas e conexións internacionais, nunha noite inspirada pola obra da escritora brasileira Nélida Piñón.
No marco do proxecto “Tecer pontes co mundo, construír pontes coa lusofonía”, a gala servirá para explorar a fondo os soños, lendas e historias que nos unen, abordando temas como a emigración, a cultura e o comercio.
O evento será retransmitido en directo pola IGADI TV, a través do seu canal de YouTube, xa que se espera unha participación ampla e aberta.
En colaboración coa Deputación de Pontevedra, IGADI actualizará o estudo “A Deputación de Pontevedra e a Acción Exterior de Galicia”. Este informe ofrece un marco de referencia para as actuacións exteriores da provincia e analiza as oportunidades que a lusofonía abre para Galicia.
O mércores 20 de novembro, entre as 18:00 e as 20:00 horas, terá lugar un seminario en liña aberto ao público sobre as estratexias de proxección exterior. O webinar está especialmente dirixido a representantes políticos e técnicos da Deputación e Concellos, e ofrecerá un espazo para debater as boas prácticas en diplomacia cultural e a relevancia do portugués como lingua de conexión cultural e económica.
A través deste proxecto, a Deputación de Pontevedra dá un paso máis na proxección internacional do territorio, reafirmando os lazos coa lusofonía, un espazo de oportunidades culturais e económicas no mundo interdependente do S.XXI. Poden atopar máis información en lusofonias.hub.gal