O programa da XIII edición do festival Música no claustro da Catedral de Tui preséntase no Museo Nacional de Escultura este xoves, 14 de xuño ás 20:00 horas, coa atención posta no sepulcro de Diego de Avellaneda -Bispo de Tui baixo o reinado de Carlos V-, destacada obra da escultura funeraria española do século XVI.
O sepulcro, trasladado ao Museo Nacional de Escultura en 1933, articula o programa de música, patrimonio e creación da XIII edición de Música no claustro que terá lugar na Catedral de Tui do 4 ao 10 de agosto.
O acto de presentación deste xoves en Valladolid contará coa participación de María Bolaños, directora do Museo Nacional de Escultura e o seu subdirector Manuel Arias, o director artístico de Música no claustro Samuel Diz e o músico Nikola Tanaskovic, quen ofrecerá o concerto «De profundis: de Cabezón a Gubaidulina» na propia sala do Museo Nacional de Escultura que conserva o sepulcro do bispo de Tui Diego de Avellaneda.
Música no claustro renova os apoios institucionais do Concello de Tui, da Sociedade Artistas Intérpretes o Ejecutantes AIE e da Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia. Igualmente da Fundación Pública Artesanía de Galicia, quen asina unha colaboración para esta ocasión co Centro Regional de Artesanía de Castilla y León CEARCAL coa organización dun taller de imaxinería castelá impartido por Miguel Ángel Tapia, que terá lugar na Catedral de Tui do 4 ao 7 de agosto, con matricula previa na web Artesanía de Galicia.