Para recoñecer e difundir actuacións exemplares na execución de traballos de xardinería pública e privada realizados en Galicia por empresas e autónomos galegos. Eses son os obxectivos cos que nacen os I Premios Xardín Galego, postos en marcha pola Asociación Galega de Empresas de Xardinería (Agaexar) e a Asociación de Cultivos do Baixo Miño (acuBam) para dignificar e promocionar o sector da xardinería na comunidade autónoma.

Son un paso máis neste camiño de colaboración que comezou fai ano e medio, cando Agaexar e acuBam vimos que tiñamos problemáticas parecidas e logros comúns aos que queriamos chegar”, explicou Óscar Vaquero, secretario de acuBam, durante a presentación dos premios este venres 2 de febreiro na XV Mostra de Cultivos do Baixo Miño, organizada de forma conxunta por acuBam e polo Concello de Tomiño e que estará aberta ao público profesional e ao público en xeral ata o domingo 4 de marzo no pavillón municipal de Goián.

O xurado valorará todos aqueles traballos realizados en Galicia e finalizados en 2018 tendo en conta que dean prioridade de uso do material vexetal fronte a materiais inertes, que teña preferencia polo material vexetal producido en Galicia e os criterios de sustentabilidade aplicados á obra, así como o deseño, creatividade, orixinalidade ou composición vexetal, combinación de especies, textura e cor.

Os interesados poderán presentar os seus traballos ata o 31 de xaneiro de 2019, un único traballo por participante, enviando ao enderezo electrónico info@agaexar.gal a ficha cos datos do candidato, a declaración escrita que garanta a autoría da obra presentada, fotografías xerais e de detalle co antes e o despois da intervención e unha memoria descritiva do proxecto realizado. O gañador coñecerase durante a celebración da vindeira edición da Mostra, en 2019, onde tamén haberá unha mostra coas fotografías dos proxectos participantes. Trátase dun premio co que “potenciar o sector”, como asegurou o presidente de Agaexar, Víctor Pérez, e un xeito máis de “camiñar cara a profesionalización do sector, poñéndoo en valor”, salientou a presidenta de acuBam, Patricia Rodríguez.

acuBam Innovación

Para non quedarse atrás e seguir camiñando cara o futuro, a Mostra aposta dende hai tres anos pola innovación cun espazo dedicado aos novos produtos, proxectos e maquinaria que as empresas da comarca introducen no sector. Este ano, entre as innovacións presentáronse novas variedades como a Ficinia Truncata Ice Crystal, a hortensia Little XS, a Carex Ribbon Falls, a Distylium myricoides Blue Cascade, a Tibuchiana urvilleana Peace Baby ou a Lomandra longuifolia Tanika, todas con características que as fan sobrevivir ao cambio climático e a temperaturas baixas ou épocas de sequía.

Entre a tecnificación, presentouse unha máquina que facilita a clasificación de kiwi segundo a súa calidade interna mediante tecnoloxía óptica penetrante e non destrutiva, un novo cortacéspede silencioso, un xerador de micro burbullas ou unha aspiradora que recolle as sementes que se coan entre as mallas nos viveiros. Tamén presentaron un proxecto sobre a xestión sostible dos recursos naturais mediante o cultivo e análise da maceira e o aguacate no Baixo Miño.

Para todos os públicos

O eixo central da décimo quinta edición da Mostra de Cultivos xira arredor da historia do agro na comarca e nela se fai un percorrido polo que é, o que representa e cara onde camiña con actividades como unha exposición forográfica das principais épocas do sector, o que permite apreciar a súa evolución ata hoxe en día. Os preto de 30 expositores que estarán na mostra supoñen unha radiografía do presente e a terceira edición de acuBam Innovación do futuro.

O sábado 3 de marzo celebrarase o acto inaugural, que dará paso pola tarde a unha xornada sobre a auga no rural da man da asociación Coxapo. Esa mesma tarde tamén se poderá participar nun obradoiro de empregabilidade e noutro de xardinería ecolóxica impartido pola Fundación Sales e a Asociación de Jardinería Ecológica e dirixido a público de todas as idades.

Para todos os públicos será tamén a xornada do domingo 4 de marzo, na que durante todo o día haberá actividades lúdicas para desfrutar en familia, como talleres ecolóxicos, probas físicas, obradoiros de reciclaxe e xogos tradicionais, cos que se tentará espertar entre os e as participantes a curiosidade polo agro. Esta mesma xornada tamén terá un marcado tinte social, coa posta en marcha dun stand na que o alumnado do centro de educación especial San Xerome, de A Guarda, venderá os produtos doados polo resto de participantes para recadar fondos para a reforma dunha bañeira terapéutica da entidade. A Mostra rematará ademais cun concerto do grupo Rock Percusión (18.00 h), integrado por alumando deste mesmo centro.