O pasado fin de semana as nais, pais e o profesorado do CRA María Zambrano do Rosal traballaron xuntos para instalar o mobiliario das novas instalacións na biblioteca que o centro escolar ten na escola de Tabagón. 

O CRA María Zambrano accedeu a unha axuda da fundación La Caixa para dotar de mobiliario e material escolar a unha aula multisensorial. Para a súa instalación foi preciso ampliar a biblioteca de Tabagón. O Concello fíxose cargo da ampliación e as obras leváronse a cabo durante o verán.

A biblioteca do CRA é un espazo dinámico no que os nenos non só están en contacto cos libros senón que nela realízanse actividades como contacontos ou presentacións, nas que participan tanto o alumnado como as súas familias. Froito desta implicación, e para poñer en marcha o novo espazo, nais, pais e persoal docente traballaron xuntos para montar e instalar o novo mobiliario. Deixaron todo preparado para a chegada do material da aula multisensorial, que fará realidade un proxecto que vai ampliar os usos e prestacións da biblioteca.