Un percorrido polo mundo e polas tradicións de Nadal en diferentes culturas. Así foi o campamento de Nadal organizado polo Concello do Rosal durante o mes de decembro e xaneiro, posto en marcha co obxectivo principal de axudar ás familias rosaleiras a conciliar a vida laboral e familiar a través de actividades educativas e lúdicas coas que dinamizar o tempo libre dos nenos durante o período de vacacións escolares. O campamento era gratuíto e encheu todas as prazas dispoñibles.

Baixo o título de ‘Nadal no mundo’, 25 nenos de educación infantil e primaria puideron coñecer os costumes e xogos tradicionais de diferentes culturas e crear motivos e aderezos propios destas datas, atendendo á educación en valores e á diversidade. Así, os máis pequenos coñeceron xogos propios das culturas asiática ou africana, compartiron ideas sobre no Nadal e reflexionaron sobre o consumo despois dos agasallos de Papá Noel, crearon un tarro de luz propio do Jánuca xudeu ou un personaxe propio das culturas nórdicas, os axudantes de San Nicolás: os elfos verdes. Una morea de actividades a través das que os nenos aprenderon a convivir e cooperar nunhas datas tan sinaladas.

«Dende o Concello somos conscientes da importancia da corresponsabilidade, por iso queremos achegar o noso gran de area con iniciativas como este campamento, axudando aos pais que traballan e non teñen con quen deixar aos seus fillos ao tempo que os mais pequenos aprenden”, sinalan dende o consistorio.