SPORTCOECO.ES

O Enduro Serra do Galiñeiro repartiu este domingo sete títulos de campións de Galicia e Nicolás Carrera repetiu éxito na clasificación absoluta. O sub23 do Bike Comp superou na parroquia gondomareña de Vincios aos elites Pablo Míguez (Bici O Con) e Rubén Rodríguez (Condado Bike). O máis rápido dos 168 participantes no evento organizado polo + Enduro MTB foi Jorge Panizo, pero o leonés do Tres Lunas Quereño non optaba á coroa autonómica.

Na antesala do Campionatos de España desta modalidade que terá como escenario Moaña dentro de dúas semanas, na outra banda da ría de Vigo viviuse un gran ambiente. O club anfitrión realizou un excelente traballo en Gondomar e preparou un percorrido de 30 kilómetros, con 1.100 metros de desnivel acumulado.

Dos cinco treitos cronometrados que se disputaron, Carrera impúxose en tres. Porén, un erro do vigués no terceiro parcial non o desaproveitou Panizo para adxudicarse a vitoria cun rexistro global de 15 minutos e 52 segundos.

Carrera rematou a un segundo do leonés, un crono que lle serviu para revalidar a súa coroa absoluta autonómica. No podio sub23 estivo escoltado por dous representantes do Rocasport: Alejandro Ledo (2º) e Marcos Fernández (3º).

Terceiro na clasificación scratch finalizou Míguez cun rexistro de 16:06. O do Bici O Con dominou entres os elites con 9″ de marxe respecto a Rodríguez. O terceiro chanzo do caixón correspondeulle a Jonathan Sousa (In Situ).

Un dos duelos máis emocionantes viviuse nos juniors. David Fernández (Avanza), campión cadete no 2018, bateu por 4″ a Mario Fernández (O Rosal), mentres que Ismael Romero (Ponteareas) acadou o bronce. Ao corredor da estrutura porriñesa sucedeuno nos cadetes Zoe del Río (XSM) proclamándose campión por diante de Anxo Carril e Raúl Miranda, ambos do Coruxo.

En canto aos masters, Borja Caneiro (Rocasport) destronou a Santo Lemos (Grupeta Pan de Zarko), que se tivo que conformar con ser terceiro. A prata atrapouna Manuel Pellón (BDM). Entre os dous primeiros so houbo dous segundos de diferenza. Polo contrario, o máster-40 Tony Peréz e máster-50/60 Carlos José Táboas nos máster-50/60 non tiveron excesivos atrancos para reter os seu cetros. Pablo Mallo (+ Enduro) e Marcos Balbuena (Bici O Con) acompañaron no podio ao do Condado Bike, e na categoría dos máis expertos Manuel Gómez (Bici Verde) e Jesús Martínez (Bici O Con) fixeron o propio co do QueBici-Marcisport.

Triunfo de Duarte

A gañadora feminina volveu ser Desiree Duarte (Condado Bike), pero nesta ocasión a sub23 ponteareá non recibiu o maillot de campioa autonómica ao non alcanzarse o mínimo de tres participantes galegas. Segunda entre as mulleres concluíu Isabel Castro (Condado Bike) e terceira, a portuguesa Gabriela Ferraz (Terras de Bouro). No Enduro Serra do Galiñeiro tamén se celebrou unha competición amateur con vitoria de Noel Cobas (THC Bike), unha cadete feminina con Alba Caínzos (Pulpeiros Mugardos) como primeira clasificada e unha de E-Bikes con Luis Miguel Carballo (Picaraña) á fronte da clasificación.

A cerimonia de podio contou coa presenza de Iria Lamas, concelleira de Urbanismo de Gondomar; Rodrigo Artos, presidente do + Enduro MTB; Andrés Cacheda, de Bici O Con; Juan Romero, de Nissan-Rofervigo; Sandra Rodríguez, de D4 Floristas; e Esteban Lorenzo, tesoureiro da Federación Galega de Ciclismo.