O Concello de Nigrán acolle desde este venres e ata o domingo a terceira xuntanza ‘Lupo entre redes’, conformada por un cento de arquitectos e profesionais vinculados á educación de toda España.
O encontro ten lugar nas instalacións do CEE de Panxón e está aberto a participación da cidadanía, incluído as crianzas que, durante a mañá do sábado, de 11:30 a 14:00 horas, poderán participar en obradoiros de todo tipo (microrrelatos, debuxo, pintura, reutilización de materiais, construción libre e guiada… sendo preciso inscribirse antes en lupo.entre.redes@gmail.com ).
A elección de Nigrán como epicentro deste encontro non é casual, Fermín Blanco, ideólogo da ferramenta didáctica ‘Sistema Lupo’ e do programa ‘Mestre de Obra’, é o arquitecto responsable dos proxectos do Concello de Nigrán para crear sendos bosques-escola no CEIP da Cruz (Camos) e CEIP Carlos Casares (Vilariño). Grazas a estas dúas actuacións, Nigrán pasará a ser unha localidade de referencia en España ao poder mesturar nestes dous colexios públicos a ensinanza convencional e os métodos educativos alternativos das ‘escolas-bosque’. As obras en Vilariño empezarán nos vindeiros días en en Camos nas vindeiras semanas.
«Nigrán situarase no vindeiro curso na vangarda da educación, por iso estamos moi orgullosos de que sexamos exemplo de boas prácticas nestas xornadas que reúnen a arquitectos e educadores de toda España«, sinala o alcalde, Juan González. «Nigrán é un gran exemplo no noso programa ‘Mestre de Obra’, por iso vimos aquí. A maiores, presentaranse iniciativas do programa ‘Mestre de obra’ que estamos a levar en colexios de toda Galicia, fundamentalmente nos seus patios», explica Fermín Blanco.
Proxectos do Concello de Nigrán
Nigrán será no vindeiro curso un referente pedagóxico en toda Galicia grazas á transformación dos patios do CEIP Carlos Casares (Vilariño) e CEIP da Cruz (Camos) en auténticos bosques-escola con investimentos de 118.000 € e 125.000 € respectivamente. O primeiro deles empezará as obras nos vindeiros días e o segundo a inicios de curso.
No caso do CEIP Carlos Casares de Vilariño trátase de integrar no patio unha parcela de 2.000 metros cadrados lindeira ao colexio e que no 2018 o Concello bautizou como ‘Souto Casares’ tras realizar unha plantación na que participou todo o colexio e os dous fillos do escritor (actualmente está separada físicamente mediante muro e alambrada). «Agora sería dar un paso máis a nivel constructivo e educativo, trataríase de integrar a tomada no propio patio do centro educativo mediante un ambicioso proxecto de paisaxismo para facer un bosque do que o alumnado se beneficie«, explica Blanco. «O proxecto busca crear un bosque totalmente natural sen que se note que hai un traballo de deseño previo detrás, o obxectivo é que dé a sensación de que estás nun lugar que sempre foi así», engade.
Así, a intención é aproveitar a gran cota de diferencia entre o patio e o cumio da parcela para crear diferentes sendeiros peonís entre árbores de especies autóctonas que desemboquen nun claro no bosque, que será onde permaneza o actual xogo de bolos celta. «Non existirán as actuais escaleiras, nen muros, nen ningún elemento de separación, seguiremos as propias regras da natureza», subliña.
Pola súa banda, a intervención en Camos (CEIP da Cruz) consistirá en gañar para o recinto 1.200 m2 colindantes da zona Sur que cede altruistamente a Comunidad de Montes da parroquia e ao que se accederá a través dunha gran porta de transición con forma de ‘casiña’ que estará situada xusto nun punto con vistas espectaculares cara o Val Miñor e a súa costa, polo que funcionará tamén como miradoiro.
Nesta nova parcela de forma irregular e de gran pendente habilitaranse ramplas accesibles cun percorrido circular e atallos directos entre elas aproveitando a gran presenza de carballos reforestados nos pasados anos e doutras especies autóctonas como silvas e fentos. Este auténtico bosque-patio aberto á experimentación educativa sumará en sucesivas fases equipamentos como poderían ser ‘tipis’, asambleas de troncos, invernadoiros… «É un proxecto único polo propio enclave do colexio. Ata hai pouco, que estivese situado no medio do monte víase como algo negativo, agora esa circunstancia descubrirase como unha oportunidade marabillosa«, considera o rexedor, quen subliña como o colexio quedou pechado ao bosque mentras que agora regresará «ao estado que naturalmente lle corresponde».
Escolas-Bosque
O movemento ‘Escolas Bosque’ é moi recente en España pero ten décadas de historia en países nórdicos ou o Reino Unido e se basea nas teorías de grandes pedagogos e filósofos, desde Pestalozzi a Fröbel, pasando por Rudolf Steiner ou María Montessori. Moitos sitúan a súa orixe no concepto Friluftsliv dos países Escandinavos, isto tradúcese literalmente como liberdade-aire-vida e fai referencia a unha filosofía de vida baseada na conexión profunda coa natureza e a vida ao aire libre.
Trátase dun modelo de educación ao aire libre no que os estudantes visitan espazos naturais para aprender habilidades persoais, sociais e técnicas. “Sería un gran salto de calidade para o sistema educativo de toda a comarca poder mesturar neste colexio de Vilariño a ensinanza convencional cos métodos alternativos do Bosque-Escola, por iso desde o Concello defendemos este proxecto”, resume González.

