FUNDACIÓN CARLOS CASARES

O Concello de Nigrán inicia este sábado na Biblioteca Municipal, con motivo do Día Internacional do Libro o domingo 23, a programación especial do ‘Ano Casares’, autor ao que se lle adican as Letras Galegas e veciño do municipio. Serán tres meses de actividades que incluirán espectáculos de teatro, humor, ocio infantil e visitas guiadas.

Así, a Biblioteca Municipal (Praza Castelao, 4) acollerá mañá sábado ás 12.00 horas o contacontos infantil ‘A Galiña Azul e compañía’, a cargo de Cris de Caldas e destinado a nenos a partir de 4 anos. A través de ‘A galiña azul’ farase unha explicación amena do seu autor, Carlos Casares, e do que significan as Letras Galegas. A galiña azul virá moi ben acompañada, de xeito que os nenos coñecerán outras obras do escritor e algúns contos de tradición. Despois da sesión de contos, desenvolverase un obradoiro.

‘A galiña azul’ é un dos seus traballos máis coñecidos e, sen dúbida, un dos fitos fundamentais da literatura infantil galega ao ser unha das primeiras editadas na nosa lingua destinada a un público cativo (1968). Por este motivo, esta obra voltará a ser protagonista o día grande, 17 de maio, cando Ubú Teatro a representará no Auditorio Municipal de Nigrán.

A programación oficial continúa o próximo venres coa representación de “Entre un galo e un polbo” no Auditorio Municipal ás 20.30 horas a cargo de Avelino González, quen trae o seu espectáculo para público adulto e xuvenil con Carlos Casares como fío conductor. Seguidamente, entre o mércores 3 de maio e o luns 8 a Praza do Concello será escenario de diferentes actividades organizadas dende o Concello de Nigrán para os colexios públicos do municipio.

O día 13 de maio as actividades volven á Biblioteca Municipal ás 12.00 horas co espectáculo de Álvaro Muras ‘Carlos Casares con maxia e música’. Previamente, ás 11.30 horas, inaugurase no Auditorio Municipal a exposición ‘Carlos Casares e a fotografía’, no que se recollen imaxes tomadas polo autor, e a continuación, as 12:30 horas, desde este mesmo punto, sairá o roteiro ‘Carlos Casares’, no que se percorrerán os lugares máis señeiros de Nigrán na biografía do escritor. Estas dúas actividades (roteiro e exposición, foron deseñadas xunto á Fundación Carlos Casares).

O propio día das Letras Galegas, terá lugar a tradicional festa da bicicleta do Val Miñor cun guiño dende Nigrán a Carlos Casares e ás 20.00 será a representación teatral de ‘A Galiña Azul’ no Auditorio. Finalmente, o sábado 3 de xuño a Fundación Carlos Casares dirixirá o roteiro “Carlos Casares, Cortazar e Torrente Ballester“.

Carlos Casares foi un dos veciños máis ilustres de Nigrán e descansa no seu cemiterio municipal desde hai quince anos, aínda que pervive en nos a través das súas obras, referentes da literatura galega universal. É un orgullo para o Concello recordar a súa presenza e o seu talento e trasladalo ás novas xeracións con actividades específicas para eles“, resume o alcalde, Juan González.