ALFREDO

«Nigrán Decide quere agradecerlle ás 392 persoas que depositaron a súa confianza na nosa candidatura o apoio recibido, ademais de felicitar ao actual alcalde Juan González e ao PSOE os resultados das eleccións locais«.

Consideramos que neste pasado mandato fixemos un traballo serio, responsable, considerando sempre o seu papel de representación dos intereses das veciñas e dos veciños, mediante o exercicio dunha oposición responsable, polo que expresamos a nosa satisfacción polo labor desenvolvido e agradecemos o agarimo e o apoio recibidos.

Para Nigrán Decide agora o goberno non ten ningún tipo de escusa para que Nigrán avance substancialmente en cuestións estratéxicas como pode ser a redacción do PXOM, no que estaremos especialmente vixiantes, xa que a maioría absoluta do PSOE pode facilitar a adopción de solucións non sempre favorables para a maioría da poboación. Confiamos en que o novo goberno municipal será consciente de que os seus apoios electorais viñeron de todas as parroquias. En consecuencia, o Plan Xeral debería estar inspirado por criterios de igualdade para todas as persoas e para todas as parroquias así como de respecto pola natureza e polo patrimonio histórico, cunha perspectiva favorecedora do desenvolvemento harmónico de Nigrán e, en connivencia con Baiona e Gondomar, de todo o Val Miñor.

Tampouco ten escusa, con estes resultados, para facer unha necesaria planificación a medio e longo prazo da acción de goberno, que a partir dun estudo socioeconómico serio que estableza as necesidades máis perentorias para atender o futuro de Nigrán e de todo o Val Miñor e a súa veciñanza.

Se aos resultados de Nigrán lle sumamos os resultados das elección nos concellos do Val Miñor, o PSOE colocase na mellor das situación para a busca de solución aos problemas de transporte entre as parroquias, dos tres concellos e coa área metropolitana de Vigo; busca de solución aos problemas de saneamento e de abastecemento de augas, como da salubridade e calidade das augas dos ríos e do litoral marítimo…

Nigrán Decide, que seguirá fiscalizando ao goberno de Nigrán, fará unha reflexión sobre a súa función política e social, que pasará por unha valoración do seu tempo de existencia desde 2015 e do seu papel inmediato, sempre orientado ao ben común, como na busca do maior entendemento entre persoas e colectivos que con nós coincidan nunha filosofía comunal, de participación veciñal, de xestión municipal dos servizos e de planificación da xestión de goberno a medio e longo prazo.