Nigrán Decide presentou unha emenda ás bases de execución orzamentaria do borrador dos orzamentos do Concello de Nigrán do ano 2018 para suplementar o salario do persoal do Concello que cobra o salario mínimo.
Cómpre destacar que nas bases das subvencións do Plan Concellos establécese que na contratación de persoal desempregado, inscrito no servizo público de emprego no Plan Concellos, debe respectarse a debida adecuación salarial á cualificación profesional dos postos que se van cubrir.
Nigrán Decide considera que «o Salario Mínimo Interprofesional non é adecuado para ningún posto de traballo polo que, na emenda que presenta, establécese que en ningún caso o persoal do Concello con xornada completa poida cobrar menos de 13.863,78 euros anuais, o que supón algo menos de 1.000 euros mensuais. Con esta medida, no Concello de Nigrán cumpriríase a Carta Social Europea, que establece que o salario mínimo non debería ser inferior ao 60% do salario medio».
«Durante o anterior mandato do Partido Popular, como neste do PSOE, o persoal que se contrata a través das subvencións da Deputación cobra o salario mínimo, polo que o noso grupo municipal propuxo dignificar o seu salario«, sinala José Cuevas, voceiro de Nigrán Decide, para continuar indicando que «a pesar de estar na memoria da Alcaldía dos orzamentos dos anos 2016 e o prorrogado do ano 2017, o actual goberno non fixo nada para cumprir este compromiso».
«Este último feito obríganos a incluír esta emenda, que está aberta á negociación co resto dos grupos, nas bases de execución orzamentaria para que sexa de obrigado cumprimento», finaliza Cuevas.