O BNG esixiu mediante unha moción que o Concello de Nigrán se dote do Plan de Acción Municipal (PAM) para o Risco de Inundacións ao que está obrigado, ao ser un dos 51 concellos de Galicia para os que o Plan especial de Protección Civil ante o Risco de Inundacións en Galicia (INUNGAL) establece a necesidade da súa elaboración e redacción, xa que é considerado un concello con perigosidade alta aínda que de risco medio-baixo.
A formación nacionalista insta ademais a que Nigrán se dote dun Plan de Emerxencia Municipal que estableza protocolos claros de prevención e actuación máis alá das actuacións de emerxencia que se realizan caso a caso. Ambos instrumentos deber ser plenamente compatíbeis e coordinados entre si, garantindo coherencia técnica e eficacia operativa.
Ante a presentación por parte do PP doutra moción reclamando a redacción do plan ante as inundacións, consensuáronse ambas, engadíndolle a petición do BNG da elaboración tamén do Plan de Emerxencia Municipal. Esta iniciativa consensuada foi ditaminada favorablemente por unanimidade na Comisión Informativa previa ao Pleno, no que previsiblemente será aprobada.
Tamén, a petición do BNG, inclúese garantir a participación pública na elaboración destes instrumentos, abríndoos ás suxestións dos grupos municipais e entidades veciñais e sociais do concello, como forma de asegurar a súa adaptación á realidade local e ás necesidades da veciñanza.
Nigrán precisa con urxencia instrumentos de planificación claros e coordinados que permitan anticiparse aos efectos de temporais, inundacións, fortes choivas e episodios de vento extremo, que nos últimos anos teñen provocado danos recorrentes en infraestruturas públicas, espazos naturais e zonas urbanas.
Segundo explica o portavoz municipal do BNG, Xavier Rodríguez, “non podemos seguir actuando só cando chegan os temporais. O cambio climático está a intensificar estes fenómenos e obríganos a pasar da improvisación á planificación preventiva”. Ademais, engade que “investir en prevención sempre é máis eficiente e menos custoso que asumir reparacións constantes tras cada episodio de choivas intensas ou temporais”.
