Varalonga

O Concello de Nigrán ofrece no propio Día das Letras Galegas, o venres 17 de maio, o concerto do grupo musical Varalonga presentando o seu segundo disco: “Varalonga-Sempre Mar”. O evento será ás 20:00 horas no Auditorio Municipal con entrada de balde ata completarse o aforo. As cancións do disco están adicadas ao poeta cangués Bernardino Graña, considerado o poeta do mar e que vive desde hai décadas nunha residencia de Nigrán. No evento recitarán autores da comarca como Pedro Rodríguez Villar, Marta Dacosta, Nanda Misa…

O grupo Varalonga ten a súa orixe no grupo Novas Amizades, que estaba formado por dúas mulleres e catro homes e que chegou a ser moi coñecido nos anos setenta. Despois de corenta anos afastados dos escenarios, e logo dunha esporádica aparición na TVG no programa Luar, varios dos seus membros decidiron retornar co nome de Varalonga, dedicándose a musicalizar os poemas dos poetas populares de Cangas, a súa localidade natal.

Na actualidade presentan este traballo titulado “Sempre Mar” dedicado aos poemas de Bernardino Graña. O disco volve estar patrocinado pola Asociación Cultural “A Cepa” e foi gravado nos estudos “Tribo Musical” baixo a dirección artística e os arranxos de Pablo Costas. O lanzamento dixital xa foi levado a cabo o 21 de marzo de 2023 coincidindo co Día Internacional da Poesía, e ao cabo de trinta anos de que Bernardino Graña recibise o Premio Merlín pola súa obra de literatura infantil “O Quirico lambón”

O grupo Varalonga está formado por Rafael Carballo “Rafa”, guitarra eléctrica e harmónica; Antonio Parcero “Toño”, guitarra acústica, percusión, baixo e voz; Fernando Pintos “Nandi”, nos teclados; Modesto Parcero “Piter”, baixo, percusión e voz; Francisco Juan “Paco”, batería e voz; Honorato Parcero “Hono”, guitarra acústica, cabaquinho e voz. En definitiva, Varalonga constitúe un grupo de seis músicos impecables e capaces de amenizar unha boa festa galega.