Circo Chosco

A Deputación de Pontevedra leva para o sábado 4 de xaneiro o circuíto +Escénicas o concello de Nigrán co espectáculo de teatro “Oh-Pera!”, de Circo Chosco, da compañía De Ste Xeito Producións.

A función enmárcase no novo circuíto da institución provincial que está a espallar unha completa programación de teatro e danza en 49 concellos da provincia ata marzo de 2025, cun orzamento de 150.000 euros.

En Nigrán o público poderá asistir a unha representación de “Oh-Pera!”, un espectáculo familiar que contará historias desde a imaxe, co que descubrir novos espazos e ver como se transforman os vellos. O espectáculo xira arredor das ideas de que todo cambia, nada permanece e con cada transformación ábrese un mundo de posibilidades.

Todo está composto de átomos, segundo como se combinen pode ser unha xirafa, unha cadeira ou unha escaleira. O mundo está feito de pezas elementais e o noso mundo está feito de caixas que van mudando en universos diferentes. A función será unha viaxe polas posibilidades da vida e as eleccións que tomamos no día a día, nas que o amor é o que os une. Celebrarase ás 18:00 horas no Auditorio municipal.

Co circuíto +Escénicas, a Deputación busca dar resposta á demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. A cada concello correspóndelle unha achega máxima de 3.400 euros para financiar os espectáculos propostos, incluídos nun amplo catálogo de espectáculos de danza e teatro posto á súa disposición e dispoñible no catalogo.