O Pleno do Concello de Nigrán aprobou por unanimidade a proposta do BNG para solicitar ao Goberno do Estado a aprobación urxente dun Real Decreto-Lei individualizado que garanta as axudas, descontos e bonificacións no transporte público se fagan novamente efectivas con carácter inmediato.

«Estas axudas son fundamentais para moitos colectivos do noso concello, como os estudantes que as utilizan para desprazarse aos seus centros de ensino. Neste sentido Renfe xa suspendeu a emisión de abonos gratuítos para viaxar como viaxeiro frecuente e a Xunta xa ten anunciado que se non se renovan as axudas do estado, eliminará as subvencións ao transporte o próximo mes», sinalan dende o BNG.

«A non validación do Real Decreto Lei 9/2024 supón un golpe para as persoas traballadoras e para a mocidade que desde o 23 de xaneiro xa non pode dispor destas axudas«. En palabras do portavoz municipal, Xavier Rodríguez, “O rexeitamento ao Real Decreto-Lei non pode ser a escusa para abandonar á nosa veciñanza que usa a diario o transporte público e, particularmente, a mocidade do noso concello que o utiliza por razóns de estudos”.