NASA

O Concello de Nigrán ofrece a noite do xoves 15 de agosto, na parroquia de Chandebrito, unha observación astronómica guiada pola ‘Fundación Ceo, Ciencia e Cultura’ (vinculada ao Observatorio Astronómico de Forcarei), na que, ademais, se agarda contemplar algunha perseida ou bágoa de San Lourenzo.

Esta terá lugar ás 22:00 horas a carón do Castro de Chandebrito (no ‘Bosque da Memoria’) por estar afastado de todo tipo de contaminación lumínica e contar con gran bóveda celeste. Un ano máis, colabora a Asociación de Veciños O Castro de Chandebrito e a Comunidade de Montes.

Os interesados en participar nesta observación (totalmente gratuíta e que estaba prevista para o sábado pasado pero o mal tempo obrigou a pospor) poden acudir directamente ao ‘Bosque da Memoria’ dende ás 21:30 horas ou, se descoñecen o lugar, presentarse en coche ás 21.00 horas no Concello de Nigrán, dende onde se organizará unha saída conxunta. Dado o lugar da observación, é preciso levar lanterna, calzado cómodo e roupa de abrigo, ademais dunha manta ou toalla para sentarse no chan.