FOTO ASOCIACIÓN PELUDOS INVISIBLES SANXENXO

Despois das diferentes sesións parlamentarias levadas a cabo para o debate das emendas ao Proxecto de Lei de Protección e Benestar de Animais de Compañía de Galicia, con toda probabilidade vai ser aprobado na última semana de setembro e sen apenas despeitearse, é dicir, sen case ter sufrido modificacións relevantes con respecto ao anteproxecto.

Lonxe de facer desta lei unha lei digna (e real) de benestar e protección dos animais, o Grupo de Colectivos de Defensa Animal consideran que os cambios introducidos “son unha pantomima e un lavado de cara do actual Goberno do PP, para vendernos que fixeron algo mentres todo permanece igual”.

Non nos deixemos enganar. Se se aproba este Proxecto de Lei seremos cómplices do exterminio de miles de animais e consentiremos a imposición de medidas de represión sobre as persoas concienciadas, serias e altruistas que levamos toda a vida loitando para acabar con isto” apuntan dende o colectivo.

“Non imos ser cómplices desta barbaridade, e emprenderemos todas as accións necesarias para parar a súa aprobación ou, de non ser así, conseguir derogala” sinalan.

Desde o colectivo anuncian que hoxe lanzan “unha nova CAMPAÑA polo NON!, coa que non quedará un só recuncho no que non rechíen as nosas reivindicacións”:

  • Non a unha lei tramposa e excluínte.
  • 
Non a unha lei que impide o auxilio dun animal en situación de desamparo.
  • Non a unha lei que obriga a entregar aos animais a empresas de exterminio.
  • Non a unha lei que limita o número de animais por familia.
  • Non a unha lei que condena a morrer de fame aos animais rueiros.
  • Non a unha lei que deixa desamparados aos équidos, animais domésticos, pequenos animais e animais de experimentación.
  • Non a unha lei que segue permitindo festexos taurinos e con outros animais.
  • Non a unha lei que non diferencia claramente entre eutanasia e sacrificio.
  • 
Non a unha lei que castiga con máis dureza a compaixón que os malos tratos e abandono.

Por unha Lei de Protección de animais real e xusta. Non á de Lei de protección e benestar de animais de compañía.