A terceira edición de Vive Nigrán, que se celebrará no antigo campo de fútbol de Lourido (Praia América) os próximos 19 e 20 de xullo, contará nesta edición con Ángel Stanich, unha das referencias da renovación musical máis vigorosas; co glitter punk de Hickeys; co desmelene frenético e pop adulterado de Meneo; co dúo Monterrosa, disposto convertir a pista de baile en paraíso e trincheira; e co R&B contemporaneo da novísima Adriana Proenza.

Estas cinco bandas encherán en Nigrán o Escenario Mahou e o Escenario Rías Baixas de música ao sumarse ás xa revolucionarias Las Chillers, ao caos creativo e punk de Los Nastys, á música latina e o rock de raíces de Los Vinagres, aos galegos Novedades Carminha, ao pop electrónico do dúo barcelonés Hidrogenesse,  e ao Concerto Mahou Cinco Estrellas no que Delafé amosará o seu novo son máis electrónico, xa anunciados previamente pola organización. As persoas interesadas en adquirir os seus abonos para os dous días de Vive Nigrán xa poden facelo a través da propia web do festival, a un prezo de 25 euros.

Ángel Stanich

Actividades para todos os públicos

O festival, ademais, continuará artellándose sobre a música e fusionándose cunha serie de experiencias que permitirán ao visitante vivir Nigrán no sentido máis amplo do termo: terán á súa disposición dende xogos ao aire libre ata unha gran oferta culinaria a cargo de foodtrucks, sesións DJ, obradoiros, charlas… Un sinfín de actividades que debuxan un «picnic pop festival» de cultura creativa, unha filosofía e un estilo de vida para que todos os públicos poidan gozar intensamente Nigrán dende a mañá ata a noite. E todo iso nun espazo máxico e co que mantén un compromiso de emprazamento: fronte ao Atlántico, co perfil das illas Cíes ao fondo, nun extremo de Praia América-Lourido (un areal dos máis aplaudidos de todo o litoral galego pola súa extensión, area fina e de augas case transparentes) e ao pé da península de Monte Lourido.