CIG // Circet en Vigo

O persoal galego de Circet decidiu convocar novas xornadas de folga os vindeiros días 26, 27 e 28 para rexeitar o ERE extintivo mediante o que a subcontrata de Movistar pretende desfacerse de 118 persoas traballadoras en Galicia. Antes, este mesmo sábado 23, desenvolverá unha asemblea en Santiago e posterior manifestación dende o edificio Cersia até a sede da Xunta en San Caetano ás 12:00 horas.

Até o de agora celebráronse un total de catro xornadas de folga -a última delas hoxe mesmo- que foron secundadas pola totalidade dos empregados/as de Circet. E tiveron lugar distintas mobilizacións diante das instalacións da empresa, de tendas de Movistar e de oficinas de Telefónica. Hoxe, ademais, o persoal da Coruña levou a cabo unha concentración diante da Delegación do Goberno.

Dende a representación da CIG no comité de folga de Circet denuncian que a empresa “enterrounos en documentación para disimular as miserias dos seus argumentos e xustificar o ERE, que a central sindical consideramos falsos e de mala fe”.

Con todo, xunto coa asesoría da CIG, foron quen de analizar de forma preliminar a gran cantidade de información “e poder chegar ás reunións con suficiente coñecemento para facer ver ao resto da parte social as carencias da proposta e que nos apoien cando solicitamos aclaracións ou documentación non aportada pola empresa”.

De feito, a pesar de que o proceso xa vai pola terceira xuntanza “aínda moitos datos relevantes que a compañía non aportou”. As vindeiras reunións da mesa serán o 26 e 27 de novembro e o 3 e 4 de decembro.

Dende a CIG insisten en que o ERE é “totalmente inxustificado” e a intención da central sindical é que Circet “recapacite” e o retire. “De non ser así manterémonos firmes na defensa dos postos de traballo”. Neste senso, consideran que a loita que se está a levar a cabo “é fundamental para ir freando as pretensións da empresa”.

Finalmente, chaman o cadro de persoal do conxunto do país a participar na asemblea de persoas traballadoras e posterior manifestación convocada para este sábado día 23 en Santiago, con saída do edificio Cersia ás 12:00 horas e remate diante da Xunta.