O Consello Coordinador da Agrupación Europea de Cooperación Transfronteiriza AECT Río Minho reuniuse a pasada tarde para renovar os cargos directivos do Consello Coordinador da agrupación tal e como establecen os seus estatutos.
A renovación de cargos realízase cada dous anos, sendo elixidos o director e o vicedirector de forma alterna pola Comunidade Intermunicipal do Alto Minho e a Deputación de Pontevedra.
Nesta ocasión, o Presidente da Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira, Ruí Teixeira asume o posto de director; e da mesma forma, Roberto Álvarez Carrero, Alcalde do Municipio da Guarda, representará o cargo de Vicedirector.
O novo director, asegurou que “este novo cargo aporta máis responsabilidade, pero para min é un orgullo representar este territorio e traballar a prol de todos os municipios que o compoñen, tanto do lado español como portugués”.
Teixeira abordou tamén a importancia da AECT “que leva sido un instrumento moi importante para o desenvolvemento do territorio transfronteirizo e un instrumento moi importante tamén para que as eurocidades poidan desenvolver os seus proxectos en conxunto”.
AECT Río Minho
A AECT Río Minho consolidouse no ano 2018, e abarca un total de 26 concellos, 10 deles no territorio luso pertencente á Comunidade Intermunicipal do Alto Minho e 16 no territorio galego dentro da provincia de Pontevedra con conexión co río Miño.
A zona de actuación abrangue máis de tres mil quilómetros cadrados de superficie e 375.995 habitantes.
O seu obxectivo principal é contribuír no desenvolvemento e reforzo da cohesión económica e social do territorio que abarca.