O Hospital Álvaro Cunqueiro sumouse hoxe á conmemoración do Día Nacional da Fibrose Quística, apoiando os diversos actos organizados pola Asociación Galega de Fibrose Quística para darlle visibilidade a esta enfermidade.

Así, o xerente da Área Sanitaria de Vigo, Javier Puente, e varios especialistas da Unidade de Fibrose Quística achegáronse ata a a Mesa Informativa habilitada pola Asociación, co obxecto de  explicar a aqueles interesados as características da enfermidade, a situación actual da mesma e as pautas de comportamento que se deben observar coas persoas que a padecen.

Primeira Unidade galega acreditada

A Unidade mixta de fibrose quística -de adultos e pediatría- do Álvaro Cunqueiro foi acreditada este ano coa certificación de calidade, e coa cualificación de excelente, pola Sociedad Española de Fibrosis Quística.

Trátase da primeira e única Unidade de Galicia en recibir esta certificación nacional, que recoñece que presta  unha atención coas maiores garantías, validando os seus protocolos e o traballo en equipo e colaborativo realizado con outros servizos hospitalarios, e en coordinación coa Asociación Galega de pacientes de Fibroses quística.

Trátase dunha Unidade multidisciplinar, coordinada pola doutora Ramos e a pediatra Mª Jesús Rodríguez na que tamén participan especialistas en endocrinoloxía, dixestivo, rehabilitación, xunto con fisioterapeutas e traballadores sociais .

Nes momento a Unidade ten en seguimento a 55 pacientes (28 adultos e 23 menores).

Tratamentos innovadores

A fibrose Quística é unha enfermidade crónica e hereditaria que representa un grave problema de saúde. É unha enfermidade dexenerativa que afecta principalmente aos sistemas respiratorio e dixestivo.

Consiste nunha alteración xenética que impacta nas zonas do corpo que producen secrecións, dando lugar a un espesamento e diminución do contido de auga, sodio e cloro, orixinándose a obstrución das canles que transportan esas secrecións e  producindo  infeccións e inflamacións que destrúen partes do pulmón, fígado, páncreas e sistema reprodutor principalmente. É unha patoloxía grave de tipo evolutivo que condiciona a saúde e unha esperanza de vida limitada.

Estímase que a incidencia da Fibrose Quística no noso país é dun por cada 5.000 nados, aínda que a prevaleza da alteración xenética que produce a enfermidade é moi alta, xa que un de cada 35 habitantes do noso país son portadores dalgunha das case dous mil mutacións coñecidas que poden condicionar esta enfermidade.

Nos últimos anos avanzouse moito no coñecemento e tratamento da enfermidade; pero, a pesar diso, segue sendo unha patoloxía sen curación. Cando a enfermidade atópase nun estadio moi avanzado, existe a posibilidade do transplante pulmonar e/ou hepático.

Hoxe en día existen terapias farmacolóxicas moi innovadoras, que requiren dun seguimento moi específico dos pacientes, polo que é moi importante que esa atención sexa prestada por unha Unidade acreditada.