O barrio histórico situado nas inmediacións do Mosteiro de Oia acollerá o vindeiro domingo 2 de xuño a visita dramatizada “6×6 Punto de encontro O Arrabal: historias non escritas”, protagonizada polas persoas participantes no obradoiro de teatro veciñal e patrimonio organizado polo Concello e impartido pola Artística Teatro e Danza.
A función comezará ás 19.00 horas e incluirá unha serie de espectáculos das artes escénicas que se desenvolverán en localizacións emblemáticas do barrio como o Mosteiro de Oia, a Fonte de San Cosme e San Damián, a Praza da Centinela ou a Picota, entre outras.
Cada peza dramática estará interpretada pola propia veciñanza e tamén contará coa colaboración de diversos artistas: os bailaríns Andrea Soutelo, Daniel Rodríguez e Olga Cameselle; e os músicos Rubén Pastoriza e José Antonio Pérez (o “Vilas”).
A visita dramatizada ao Arrabal quere afondar no patrimonio material e inmaterial de Oia. A través dunha proposta innovadora e multidisciplinar, esta actividade tamén quere destacar a relevancia cultural do Camiño de Santiago, tendo en conta que este barrio forma parte do Camiño Portugués da Costa.
Programación
A programación do domingo completarase con postos de artesanía local que estarán instalados na zona durante toda a xornada do domingo, cun espectáculo infantil ás 17.00 horas e con cantos de taberna que comezarán xusto despois da representación teatral (arredor das 20.30 horas).
Para o desenvolvemento destas iniciativas o Concello de Oia ten solicitado financiamento á Xunta a través da Axencia de Turismo de Galicia, dentro do programa do Xacobeo 2021.
Por outra banda, a Oficina de Turismo acollerá dende o sábado, e durante todo o mes de xuño, unha exposición de obxectos tradicionais relacionados coas distintas pezas teatrais que se representarán na visita dramatizada. Neste caso, tratase dunha actividade organizada pola Asociación Costa dos Castros e na que tamén se implicaron as persoas inscritas no obradoiro de teatro veciñal, as cales cederon obxectos da súa propiedade para a exhibición.
Agradecementos
O obradoiro de teatro veciñal quere transmitir o seu agradecemento a diversos colaboradores que contribuíron ao desenvolvemento da iniciativa, nomeadamente a Fernando Javier Costas Goberna -pola cesión de documentación e información que axudou a dar forma ás historias- á propiedade do Mosteiro -pola cesión de espazos para a representación- e a Paula Cobián Escola de Danza.
De igual forma, queren agradecer ás comunidades educativas dos CEIP Mestre Manuel García e Refoxos pola súa colaboración e dispoñibilidade para a elaboración de elementos decorativos.
Programación completa “6×6 Punto de encontro O Arrabal, historias non escritas”:
Sábado:
- Ás 13.00 horas, apertura da exposición de obxectos tradicionais “O Arrabal, historias non escritas”, na Oficina de Turismo de Oia (Praza Centinela).
- A mostra permanecerá exposta durante todo o mes no horario de apertura da Oficina de Turismo.
Domingo:
- A partir das 10.30horas, exposición de obxectos tradicionais na Oficina de Turismo.
- Nas inmediacións da oficina haberá postos de venda de produtos de artesanía local durante toda a xornada.
- Postos de artesanía:
- Cabuxa (coiro)
- Luis Álvarez (escultura en pedra)
- Areladefe (xoeiría)
- Carliños Cesteiro
- Ana Méndez (cerámica)
- Las Flores de Greta (téxtil en seda)
- Oiadelos (complementos)
- Ás 17.00 horas, espectáculo infantil “Ummm!! Unha comedia musical para chupar os dedos”. A cargo do grupo de teatro Avento. Na Praza da Centinela.
- Ás 19.00 horas, visita dramatizada “6×6 Punto de encontro O Arrabal, historias non escritas” polas rúas e prazas do barrio histórico, a cargo do obradoiro de teatro veciñal.
- Pecharemos a xornada festiva con cantos de taberna cos grupos locais A Fiada de Viladesuso e Tra-lo Mosteiro.
- Durante todo o día o barrio do Arrabal estará ambientado coas decoracións feitas polo alumnado dos colexios CEIP Mestre Manuel García e CEIP de Refoxos.