Non si? Teatro

O Auditorio Municipal de Nigrán acolle este sábado, ás 19:00 horas, a obra “Romance de Micomicón e Adhelala”, de Eduardo Blanco Amor, e ao cargo do grupo Non Si? Teatro. A entrada é de balde ata encher o aforo.

A obra está interpretada por Isaac Villar, Iria Collazo, Jorge Pérez, Maite González e J.M. Egido. A dramaturxia e dirección é de Mónica Sueiro.

Un príncipe xigante, unha raíña histérica, un feitizo e moito máis nunha farsa de 50 minutos para todos os públicos.

Trapalandia é un reino estrafalario gobernado por unha raíña histérica nun palacio a piques de derrubar polas arroutadas de Micomicón, un príncipe xigante por mor dunha maldición. Entre tanta tolemia vive Adhelala, unha princesa cautiva que posúe a sabedoría e o valor para cambiar as cousas. Só ela coñece a orixe do mal do príncipe e o feitizo para curalo.

“Non Si? Teatro”, é o grupo de perfeccionamento da Aula de Teatro de Baiona que leva funcionando na vila desde finais do 2006. Foi galardoado con premios nas edicións Xuventude Crea 2007, 2010 e 2015 e na que tamén foi finalista en catro ocasións.