Mañá venres día 27 ás 20:30 horas o Auditorio do Centro de negocios do Porto do Molle, Nigrán, acollerá a proxección da curta «O Son da Balea» e contará coa presenza do director e do actor César Cambeiro que participarán nun debate.

Esta curtametraxe que ten como protagonista principal á illa de Ons estivo dirixida por Daniel Suárez Rubini con produción é de Belle Films, foi gañadora do Premio do Público no Festival de Cans 2021.

Os protagonistas principais están representados por: Isabel Naveira, César Cambeiro e Denís Gómez.

A entrada será gratuíta ata completar aforo, esta actividade se enmarca dentro das actividades do 30º aniversario de CEMMA.

O Son da Balea é un proxecto de curtametraxe rodada na illa de Ons no ano 2020. Pon o foco na superación dunha perda, a loita contra os propios demos e de como ganar a partida ao pasado. Ten como tea de fondo un dos episodios xa esquecidos da historia de Galicia; a caza da balea.

A historia é un reencontro co pasado nun escenario único e especial rodeado polo océano: o retorno á illa que viu crecer a Naia, a protagonista desta historia. Alí rexurdirá de novo ese temor e misterio simbolizado en cantos de baleas. Será tamén alí onde se atopa cun antigo compañeiro, Brandán, que tamén deberá confrontar o pasado.

Un testamento fílmico daquela realidade que hoxe non existe, un grito de guerra contra a brutalidade animal, a destrución dos ecosistemas e o apoio á conservación das especies que habitan o noso planeta. O son da balea tamén é un intento por explorar e aprender do pasado a través da única arma da que dispoñemos para facelo: a memoria.

O acto que será conducido polo actor, e socio da CEMMA Aldán L. Dacosta, rematará cun debate no que participará o director e membros de CEMMA, no que se destacará a sinerxía entre a ciencia e a cultura, materializada nesta curtametraxe.

Conmemoración dos 30 anos da fundación da CEMMA

O día 9 de maio de 1992 un grupo de persoas, a título individual e representantes de grupos ecoloxistas, asinan a acta fundacional da CEMMA no Grove, poñendo en marcha unha andadura que abría moitas expectativas na conservación mariña e na educación ambiental. Todo comezou ao redor dun esqueleto de balea azul na Universidade de Santiago en 1990.

A traxectoria destes 30 anos levou a unha asistencia de 7.416 varamentos, dos cales foron detectados 510 exemplares varados con vida, o 50% liberados directamente, a maioría cetáceos e 182 ingresados, a maioría lobos mariños e tartarugas mariñas, destes exemplares foron rehabilitados e devoltos ao mar máis do 70%.

Durante a campaña de monitorización costeira, entre 2003-2011 foron realizadas 3.696 repeticións nos 53 puntos da rede, durante 2275 horas e realizados 794 avistamentos de 7 especies de cetáceos.

As campañas marítimas ofrecen un resultado de máis de 62 mil km percorridos no mar, en máis de 6500 horas e foron rexistrados uns 2200 avistamentos de 15 especies cunha taxa de encontro dun avistamento cada 28,8 km percorridos.

Nas campañas de fotoidentificación de arroaces foron percorridos máis de 16 mil km en máis de 1.500 horas, nos que se fixeron 500 avistamentos, cunha media de 3,3 h de observación e 38,4 km percorridos por avistamento. Obtivéronse decenas de miles de fotografías das que se identificaron máis de 500 aletas diferentes, algúns dos exemplares seguidos máis de 20 anos.

Neste período foron rexistrados máis de 6.500 avistamentos no mar, moitos deles oportunistas. A pesar de que a maior parte dos cetáceos observados son arroaces e golfiños comúns, tamén foron observados toniñas, arroaces, arroaces botos e caldeiróns, balea común, balea alibranca e candorcas.

Nas diferentes actividades divulgativas e de educación ambiental participaron neste tempo máis de 20 mil persoas.

O esforzo pagou a pena. Agora podemos dicir que empezamos a saber algo da fauna mariña ameazada en Galicia, mais canto máis sabemos máis interrogantes xorden.

Todo isto non sería posible sen a contribución de moitas persoas voluntarias como alertantes, como colaboradores e tamén como asociados.