O BioMercado de Tomiño reunirá máis de 60 postos de produtos ecolóxicos, artesanía e de gastronomía local

A praza do Seixo de Tomiño acollerá o domingo 30 de setembro, a cuarta edición do BioMercado, con 65 postos, dos que moitos estarán dedicados á alimentación saudable, produtos ecolóxicos e naturais. Ademais, a feira contará con diferentes actividades como charlas, obradoiros e conferencias.

O Biomercado, presentado en rolda de prensa esta mañá, ven deste xeito, a consolidarse coma un evento anual que ten coma finalidade pór en valor e dinamizar o comercio local, fomentar a produción ecolóxica, a biocultura e o mercado de proximidade.

Durante a presentación, a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, agradeceu o traballo dos colaboradores e salientou a variedade e cantidade de postos biosaludables que fan da actividade, “unha oportunidade de probar produtos que se fan en Tomiño e na comarca, e tamén, para os que veñen de fora, de coñecer o noso mercado municipal que é un pouco o protagonista do evento”.

Pola súa parte, Carlos Rodríguez, de Ekohuerta, unha das empresas colaboradoras, definiu este cuarto biomercado de Tomiño, coma un mercado dinámico, innovador, que va a estar moi activo e fomenta aos produtores locais de horta ecolóxica, plantas medicinais, cosmética natural, etc. “Este ano haberá novidades coma a produción de distintos tipos de terra para cultivos, ou artesanía con conchas de mar, palla, vidreiras, fariñas e panadería de hortalizas, cociña con ortigas, e unha ampla gama de gastronomía saudable. Neste sentido, lembrou a importancia de que a xente se conciencie cada vez máis sobre os beneficios deste tipo de produtos e da súa produción.

Charo Quintana, de Rural Consulting, outra das empresas colaboradoras coa organización, resaltou pola súa banda, o caso de Tomiño coma vila rural pero ao mesmo tempo moderna e con calidade de vida. “Cremos que este mercado simboliza de algunha forma a aposta que facemos polo rural”, indicou. Asemade, enumerou as actividades e postos máis novidosos, entre os que se atopan unha área dedicada ao mel, unha representación da reserva da biosfera da zona de Allariz, e salientou a posibilidade de aprender e coñecer as últimas tendencias no sector dos produtos bio.

Por último, o concelleiro de Promoción Económica, Antonio Tartaglione, referiuse ás persoas que elixen o rural para vivir e que fan empresas sustentables, e convidou á xente a asistir á exposición dun bo número desas experiencias, que terá lugar no salón de plenos do Concello, baixo o nome de “O Caviladoiro”, a partir das 12 da mañá (programa en anexo) do domingo.