Dentro da campaña das eleccións xerais do vindeiro domingo, representantes do BNG dos tres concellos do Val Miñor realizaron na mañá de hoxe un reparto informativo nas inmediacións do mercado de Sabarís.

Alí, a portavoz municipal do BNG en Gondomar e candidata ao Senado, Manuela Rodríguez, afirmaba que “o próximo 23 de xullo temos unha cita importante que é unha oportunidade para Galiza. E está nas mans dos e das votantes, tamén dos do Val Miñor, facer posible que Galiza conte con máis forza en Madrid”.

A candidata do BNG, que estivo acompañada polos portavoces municipais de Baiona e Nigrán e dun grupo de militantes dos tres concellos, lembrou que “o 23 de xullo non votamos pola presidencia do goberno español”, senón polas persoas que van representar a Galiza no congreso e no senado, e por iso é importante votar para ter voz propia en Madrid.

Non nos valen de nada representantes galegos no Congreso que alí votan en función dos intereses dos seus partidos ou dos de outros territorios”, afirmou, “precisamos unha representación propia, cunha forza propia como é o BNG, sen ataduras a Madrid e cunha única lealdade: a da defensa dos intereses dos galegos e das galegas”.

Hai que apostar por ter “un grupo galego forte en Madrid, un grupo de deputados e deputadas do BNG que condicionen as decisións que alí se toman”, porque “nun escenario sen maioría absolutas, no que cada voto conta, un BNG con máis forza poderá utilizar a súa representación no Congreso para condicionar a política do Estado a favor da Galiza, a favor dos galegos e das galegas”.

E desde o BNG lembran que xa o conseguiron tendo un só deputado, Néstor Rego, nesta última lexislatura, “imaxinade que non poderíamos lograr cun grupo forte en Madrid!”, apuntan.

A modo de exemplo, indican que un grupo forte en Madrid permitiría incorporar aos Orzamentos Xerais do Estado partidas para a limpeza e rexeneración das Rías galegas como propuxo o BNG e que non foron incluídas porque os partidos que compoñen o Goberno do Estado “votaron sistematicamente en contra”. Eses investimentos permitirían sanear rías e enseadas como a da Foz do Miñor, a desgraciadamente coñecida como “cloaca a ceo aberto”, que ten limitada a súa capacidade produtiva dende hai 30 anos e que precisa dunha urxente rexeneración para mellorar a calidade das augas e permitir a recuperación do valor ambiental e económico deste espazo.

Esa voz propia en Madrid tamén permitiría impulsar o demandado plan de cobertura integral de telefonía e acceso internet de banda larga en todo o noso territorio para que dunha vez por todas no rural galego, tamén no Val Miñor, poidamos ter un servizo telefonía e de internet en igualdade de condicións que noutras zonas máis urbanas.

“Está claro que na Galiza o voto útil é o voto  BNG”, concluíron, e animaron as veciñas e veciños de Baiona, Gondomar e Nigrán a concentrar a forza dos seus votos no BNG, “para que Galiza saia gañando”.