O Bloque Nacionalista Galego, con 2.600 votos e un incremento do 11,5% con respecto ao 2020, sitúase como a segunda forza no concello de Gondomar nestas eleccións galegas.

En nome do BNG de Gondomar, a súa portavoz municipal, Manuela Rodríguez, traslada «a nosa gratitude a todas e cada unha das persoas que colleron a papeleta do Bloque, unha de cada tres das que foron votar o domingo, e que fixeron posíbel un resultado extraordinario tanto en Gondomar como no conxunto de Galiza».

Malia non ter acadado o cambio do goberno da Xunta, desde o BNG subliñan que “a campaña e o resultado electoral demostran que este País xa cambiou, que non hai marcha atrás porque hai unha cidadanía ilusionada, rebelde que non se conforma coa Galiza en pequeno que nos deixa o Partido Popular.” E diante dese apoio tan importante, trasladan a todas esas persoas que “non lles imos fallar. O BNG vai ser a forza que defenda cada día esa Galiza mellor que unha maioría desexa para o noso país, e imos facelo do xeito que mostramos nesta campaña: con amplitude de miras e mans tendidas a toda a nosa sociedade”.

Tal e como fixo a propia Ana Pontón na noite electoral, desde o BNG de Gondomar trasladan a todas as persoas que colleron a papeleta do BNG “que o seu apoio valerá para facer un mellor e máis intenso labor de oposición, para seguir a defender os intereses da maioría social, para seguir construíndo unha Galiza máis xusta, máis igualitaria, máis feminista, con máis benestar social para todos e todas”. E afirman que no día de onde “non acabou nada, ao contrario, estamos máis fortes, con máis enerxía e máis preparadas que nunca para darlle a este País, tamén desde Gondomar, o futuro que merece”.