O BNG anuncia o seu voto en contra do suplemento de crédito 6/2022, destinado a facer fronte ao pago de gastos técnicos para a redacción de proxectos do denominado Plan Director de Saneamento. «Unha operación de marketing que busca vender fume e que non é a primeira vez que o PP anuncia. Xa con Nelson Santos, no goberno do que Alejandro Lorenzo formou parte, presentaron un plan similar que finalmente non se concretou en nada«, din os nacionalistas.
Dende o BNG indican que Alejandro Lorenzo pretende que a oposición lle asine un cheque en branco. «Non presenta ningún proxecto concreto para negociar cos demais grupos e anuncia un Plan Director de Saneamento que sabe non vai executar e que só vai servir para sacarse fotos e facer propaganda política. Non ten maioría e pretende actuar como se a tivese. Despois de afirmar unha e outra vez que o concello estaba na ruína e bloquear no pleno xunto con EU- SON inversións necesarias para O Porriño coa única intención de afogar ao anterior goberno, agora recorre sistematicamente ao remanente de tesourería para gobernar ou, como neste caso, para sufragar cos cartos de todas e todos o inicio da súa campaña electoral. Son máis de 4 millóns de euros en medio ano os gastados con cargo ao diñeiro que encontrou nas contas públicas cando accedeu á alcaldía», afirman.
O BNG empraza a Alejandro Lorenzo a traballar para buscar recursos propios que axuden «a financiar os importantes retos en materia de saneamento que O Porriño aínda ten que afrontar; e reclamar da Xunta inversións en materia de saneamento como as que ten comprometidas noutros concellos da contorna«. «O Bloque apoiará sempre que se destinen recursos para saneamentos, pero teñen que marcarse prioridades, elaborarse proxectos concretos e asignarse partidas económicas. Pedímoslle ao alcalde que desbloquee as obras de saneamento que deixou en marcha o BNG, caso do barrio do Picouzo e da Devesa, en Budiño, que darían servizo a un importante número de vivendas e ao CEIP da Cruz, e que o goberno do PP mantén paralizadas. En política debemos velar polo ben común e non actuar en función de saírmos ou non na foto«, rematan os nacionalistas.
