O BNG acusa o PP de discriminar a veciñanza de Oia ao votar en contra dunha iniciativa parlamentaria que reclamaba á Xunta a creación dun centro de día público no municipio, un dos dous concellos da provincia de Pontevedra que aínda carecen deste servizo. A proposta foi defendida polo deputado nacionalista Brais Ruanova na Comisión de Sanidade, Política Social e Emprego do Parlamento galego.
Ruanova lembrou que a reivindicación se remonta a 2009, cando o daquela presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, prometeu dotar de centros de día todos os concellos de menos de 3.000 habitantes. O deputado criticou que aquel compromiso non se cumprira e asegurou que a falta deste recurso «deixa a Oia nunha situación de desvantaxe».
O municipio conta con 3.075 habitantes, dos que máis de 1.100 teñen máis de 60 anos, e abrangue unha superficie de máis de 83 quilómetros cadrados, cunha importante dispersión poboacional e dificultades de transporte público. Para o BNG, estas circunstancias fan especialmente necesario un servizo de atención ás persoas maiores.
“O estado do benestar tamén chega pola porta dos concellos pequenos. Non podemos aceptar unha Galicia a dúas velocidades”, defendeu Ruanova, quen considerou que a ausencia dun centro de día “non é unha simple carencia administrativa, é un problema de discriminación que deixa a veciñanza deste concello como veciños de segunda”.
O deputado advertiu tamén das consecuencias que esta falta de recursos ten para as familias e, especialmente, para as mulleres, que acaban asumindo boa parte dos coidados. “Quen renuncia ao traballo para dedicar o tempo ao coidado dos dependentes? Na meirande parte dos casos, son as mulleres”, sinalou, e engadiu, “sen servizos públicos de coidados, non hai igualdade”.
