«No antigo centro de saúde de Panxón xa non se instalará un centro de día«. Así queda de manifesto despois de que o Pleno do Concello de Nigrán ratificase, «cos únicos votos favorables do PSOE, a adscrición temporal do inmoble para destinalo a aloxar as dependencias da Asociación de Voluntarios de Protección Civil do Val Miñor e de un centro social».

Os nacionalistas afirman que a localización neste espazo dun centro de día era unha vella demanda da Asociación de Veciños de Panxón, compartida e mesmo reclamada dende o BNG, pois a necesidade dunha instalación deste tipo en Nigrán «é perentoria e así o plasmamos tamén nas emendas aos orzamentos da Xunta de Galicia reclamando o incremento de prazas públicas de centro de día no Val Miñor, que conta tan só cun centro público, de titularidade mancomunada, en Sabarís».

Indican tamén que pasouse de reclamar a cesión do inmoble a aceptar apenas unha adscrición temporal por 50 anos na que a titularidade do inmoble permanecerá en mans da Tesouraría Xeral da Seguridade Social, na que volverá a reverter o local unha vez transcorrida. «Iso si, ao concello de Nigrán correspóndelle o acondicionamento do local, cifrado en máis de 700.000 euros polos servizos técnicos municipais, nunha instalación que non é súa, ademais da conservación e mantemento do ben».

«O máis indignante -din- é que isto ocorre despois de que no seu día o Concello de Nigrán adxudicase o terreo no que se sitúa o antigo centro de saúde ao Instituto Social da Marina para construír unha Policlínica para asistencia sanitaria, transferida despois á Xunta e revertida posteriormente á Tesouraría Xeral da Seguridade Social no ano 2017 tras a construción do novo centro de saúde».

Afirman que que a Tesouraría xa non pode exercer ningunha das súas actividades alí, pois é un espazo dotacional sociosanitario, adscribe temporalmente o ben ao concello en vez de realizar unha cesión que revertera no municipio a titularidade do ben para destinalo aos fins de utilidade pública necesarios. «Isto a pesar de que a propia Lei xeral da seguridade social contempla esta posibilidade que neste caso non se adoptou, sen dúbida produto dunha pésima negociación entre o Concello de Nigrán e o Ministerio de Inclusión e Seguridade Social ao que pertence a Tesouraría Xeral», comentan os nacionalistas.

En calquera caso, o BNG seguirá «esixindo prazas públicas de centro de día en Nigrán para facilitar a necesaria conciliación familiar, laboral e social pese a que este acordo priva á veciñanza do concello dunha infraestrutura imprescindíbel para corrixir a carencia que o concello ten neste ámbito” segundo sinala o seu portavoz municipal, Xavier Rodríguez.