ALFREDO

O deputado do BNG no Parlamento galego Paulo Ríos, xunto coa portavoz municipal en Gondomar e deputada provincial Manuela Rodríguez,  acompañaron o pasado venres aos traballadores e traballadoras de Subus-Lugove, empresa concesionaria do servizo galego de transporte público interurbano no Baioxo Miño e Val de Miñor.

Ríos, portavoz de mobilidade e transporte do BNG no Parlamento galego, trasladou o total apoio da organización nacionalista ao persoal de Lugove en folga en resposta ao continuo incumprimento por parte da empresa do convenio colectivo de transporte de viaxeiros de Pontevedra.

O deputado sinalou que a Xunta de Galicia, como titular do servizo e, xa que logo, máxima autoridade laboral non pode seguir a facer deixamento de funcións, “non pode mirar para outro lado, tamén é responsábel do incumprimento do contrato por parte da empresa”.

Un contrato que naceu mal dimensionado, non só no que respecta ao cadro de persoal senón tamén ás rutas e liñas. “Esas eivas no deseño do plan de transporte do PP na Xunta, que o BNG vén sinalando desde a súa implantación e que os traballadores están a denunciar con esta folga, son as mesmas que están a provocar problemas de masificación de viaxeiras, como a denunciada estes días na liña de Baiona a Vigo, ou que insuficencia de prazas deixe a xente tirada nas paradas”, lembra a voceira nacionalista en Gondomar.

Para o BNG, a Consellaría de Presidencia e Mobilidade debe deixar de “consentir” e ten  actuar de inmediato. Nese sentido Paulo Ríos insistiu en que “a Xunta de Galicia debe intervir xa para resolver o conflito, esixindo que a empresa cumpra estritamente co que estipula o contrato, tanto no que respecta ás condicións laborais como no referido á prestación do servizo ás persoas usuarias”.