Do millón de euros concedidos para o Plan de Sostibilidade Turístico da Guarda no anterior mandato, o alcalde Roberto Carrero, «acaba de renunciar a única partida que contemplaba para o Monte Tegra (a principio do mandato xa renunciara a outra) para implantar un sistema de xestión online das reservas e entradas dos recursos turísticos no monte», afirman desde o BNG.

O portavoz nacionalista, Anxo Baz manifestou que “en vez de aproveitar este plan para dinamizar e poñer en valor o monte, incrementando as partidas para o Tegra, o alcalde fai todo o contrario tomando a decisión de non inverter nin un céntimo nel, desentendéndose deste xeito do maior recurso patrimonial que posúe A Guarda”.

Para o nacionalista “o rexedor municipal amosa ás claras a súa incompetencia e falta absoluta de criterio para levar adiante medidas que contribúan a dinamizar un recurso patrimonial que se encontra entre os máis importantes do país. Unha vez máis, demostra a súa ignorancia e falta de respecto polo patrimonio como xa fixera fai poucos meses transformando o Centro de Interpretación da Fortaleza de Santa Cruz, un BIC (Ben de interese cultural), nunha sala de billar”.

“Con esta maneira de actuar, Roberto Carrero, despreza as recomendacións recollidas no Plan Director do Monte Tegra, redactado e aprobado fai máis dunha década, que marca a folla de ruta das actuacións que se deben levar adiante para a posta en valor e protección do grandioso ben patrimonial do que dispón A Guarda. Hoxe fica claro que a corrección dos problemas que temos pendentes de solucionar no monte, non son exclusivamente de carácter económico, senón máis ben dunha falta absoluta de criterio e sensibilidade dun alcalde que o único que pretende é desentenderse do Monte Tegra”, explica Baz.

O portavoz nacionalista concluíu dicindo“ fai tempo que sabemos que estamos diante dun alcalde e dun goberno municipal que non teñen ningún proxecto para A Guarda. En realidade, estamos diante dun goberno que non é capaz nin de identificar as grandes potencialidades das que dispomos. Esta decisión acaba de confirmalo”.