Segundo o BNG «as eternas e inacabadas obras de mellora e remodelación do Parque da Ramallosa remataron tendo consecuencias económicas para o Concello de Nigrán, ao ter que asumir este a parte da actuación executada fóra de prazo e, polo tanto, non xustificada en tempo, e perder case 200.000 euros da subvención que a tal efecto tiña concedida a Deputación de Pontevedra».

En abril de 2025, por resolución de alcaldía, foi adxudicada a obra a ORESA, a mesma empresa que formaba parte da UTE á que se intentou favorecer inicialmente na licitación do contrato do lixo. O proxecto tiña un prazo de execución de 31 semanas que foi reducido a 23 na oferta da empresa, para recibir a máxima puntuación neste aspecto e levarse o contrato aínda que despois fose incumprido.

Un contrato que segundo esa oferta da empresa que lle permitiu gañar a licitación tiña que estar rematado en outubro do 2025 e que, pese a que a Deputación prorrogou ata en dúas ocasións o prazo de execución ata estendelo ata maio de 2026, «a empresa foi incapaz de cumprir. Agora, a consecuencia é que o concello ten que facerse cargo da parte da obra realizada fóra de prazo e asumir os 188.289,52 euros perdidos da subvención mediante unha modificación de crédito».

«Con todo, o problema é que isto é unha cuestión recorrente. O ano pasado este goberno xa perdeu o dereito ao cobro de varias subvencións por non xustificalas en prazo, o que motivou que eses fondos tiveran que ser aportados polo concello. Especialmente significativa foi a mellora de camiños e ampliación da rede de saneamento en Chandebrito, unha obra chea de problemas que se eternizou e supuxo a perda de 77.903,27 euros por non xustificar en prazo parte da obra«, afirman os nacionalistas.

Indican que tamén que «é evidente que o goberno de Nigrán ten un problema coa execución das obras, que xa se iniciaron neste mandato coa obra sen fin da remodelación da rúa Otero Pedrayo, e que proseguiron con outras obras de saneamento nas que xa se perderon subvencións por non executalas en prazo».

Remata dicindo o portavoz municipal do BNG, Xavier Rodríguez, que «a responsabilidade é dun goberno consentidor dos incumprimentos que non impuxo ningunha das penalidades previstas nos contratos pola demora inxustificada na súa execución, polo que o alcalde convértese en cómplice da alteración das propias licitacións ao permitir o incumprimento dun dos criterios de adxudicación”.