Dentro do calendario de actividades relacionadas co Día da Patria Galega, o BNG da comarca de Vigo ten previsto celebrar en Baiona o seu acto público comarcal este venres 19 de xullo a partir das oito da tarde no Paseo da Praia da Ribeira. Previo ao acto realizarase un pasarrúas musical ás 19:30h con saída do propio paseo.
O acto contará coas intervencións de Iago Pereira, portavoz municipal en Baiona, Iria Custodio, responsábel comarcal de Galiza Nova, Manuel Caride, responsábel comarcal, e Lucía López, responsábel nacional de organización do BNG. Ao seu remate haberá un convivio na Taberna A Capela.
Esta actividade enmárcase dentro da campaña nacional previa ao 25 de xullo, Día da Patria Galega, que, baixo o lema “A forza deste País”, está a desenvolver o BNG por todas as comarcas galegas e na emigración.
Esta campaña ten por obxectivo evidenciar que Galiza existe como suxeito político propio e que polo tanto conta con dereitos inalienables como nación. Así como a necesidade dun novo marco político que dote á nosa nación de soberanía e capacidade de decisión propia, coa que adoptar políticas en beneficio do pobo galego.
