O BNG de Tui quere trasladar a opinión publica tudense a súa máis enérxica repulsa polas declaracións do Alcalde, Enrique Cabaleiro, a un medio de comunicación, «onde acusou ao BNG de fomentar actitudes violentas da cidadanía».
«Non é a primeira vez que o Alcalde de Tui minte descaradamente ou insulta aos nosos representantes municipais. En plenos anteriores xa chamou miserable e ignorante á nosa portavoz municipal; e vemos con preocupación que cada vez se fan máis frecuentes estas actitudes de prepotencia e mala educación, intolerábeis e impropias dun máximo representante institucional: cremos que son produto da falta de argumentos nos temas debatidos ou do nerviosismo ante a ineficacia manifesta na súa xestión municipal», sinalan os nacionalistas.
«Neste caso as súas declaracións enmárcanse na errada xestión que o Sr. Alcalde fai do tema do polígono de Ribadelouro e contra a Plataforma “Ribadelouro verde nonsevende”, apuntan.
A este respecto, desde o BNG de Tui queren puntualizar:
1.- Frente ás acusacións do Alcalde de que é o BNG quen está detrás das actividades da Plataforma, afirmamos rotundamente que é falso. O BNG coñeceu a membros da plataforma só no momento en que foi convocados por eles, como o resto das forzas políticas, para explicar-nos a súa postura a respecto do polígono. Eles mesmos manifestaron sempre o seu interese en desvincular-se de calquera opción partidaria e defender exclusivamente as súas reivindicacións. Consideramos unha fata de respecto absoluto, alén dun insulto, por parte da Alcaldía pensar que as persoas que se mobilizan por unha causa concreta non teñan a capacidade de actuar por elas mesmas e sexan susceptíbeis de seren manipuladas por escuros intereses políticos. Iso tamén nos dá unha mostra da idea que ten o Alcalde da ética e práctica política e do respecto que ten polos movementos veciñais.
- Frente ás acusacións de que o BNG de Tui alimenta actitudes de violencia, queremos manifestar que é absolutamente falso de toda falsidade. Son, de novo, gravísimas e interesadas mentiras do Sr. Alcalde, mostra de que está cada vez máis “perdendo os papeis” na súa función institucional. O BNG estivo, está e estará sempre en contra de calquera tipo de violencia e condenamos os actos de tipo violento que se poidan ter cometido en calquera reunión ou acto. No BNG somos persoas educadas e dialogantes e non estamos dispostas a rebaixar-nos a ese lodazal de insultos e mentiras ao que nos quere conducir o Sr. Alcalde, froito da súa incapacidade para o diálogo e o respecto polas opinións alleas. Esperamos, ante esta mentira obscena, que o Sr. Cabaleiro pida publicamente desculpas ao BNG de Tui e non descartamos, se tal non acontece, emprender accións legais en defensa da nosa honorabilidade e dignidade.
