BNG // Foto de arquivo do Río Fonteliño tras un vertido

O Concello do Porriño vén sufrindo «de forma reiterada graves episodios de contaminación do Río Fonteliño ou río de Couso ao seu paso pola parroquia de Cans«. O BNG do Porriño denunciou reiteradamente a gravidade desta situación. A resposta ata o de agora do goberno do PP fora «votar en contra«. No último pleno, a forza nacionalista conseguiu alcanzar a maioría de apoios para que se comece a actuar.

Dende a formación nacionalistas aseguran que «existen riscos potenciais sobre a saúde das persoas, unha ruptura do equilibrio do ecosistema e a vulneración dos dereitos das persoas dunha parroquia que non quere ver este escenario constante do seu río contaminado«. Afirman tamén que a pesar «das múltiples denuncias realizadas por persoas particulares e asociacións ante a empresa Vontorantim Cimentos por delitos ambientais, persisten estes episodios, agravados ultimamente de forma crítica».

“É competencia municipal protexer o medio do seu concello e, de ser necesario, denunciar ante as institucións competentes. Non facelo é ser cómplice desta situación de contaminación reiterada”, advirte Marcelo Rodríguez, concelleiro do BNG do Porriño

A maioría do pleno apoiou a proposta da forza nacionalista para que o goberno municipal denuncie ante a Fiscalia de Medio Ambiente a empresa por todos os vertidos contaminantes no Río Fonteliño ou Río de Couso e polos posíbeis prexuízos cara á saúde pública. «O Bloque velará agora que o goberno do PP de Alejandro Lorenzo cumpra o aprobado no Pleno e comece un proceso de protección na defensa do medio e da saúde do Porriño».