O BNG de Gondomar considera insuficiente a dotación económica que o goberno de Paco Ferreira destina a subvencionar as actividades culturais. Un ano máis o orzamento das subvencións para cultura queda moi por detrás do destinado a deportes. Ademais, mentres a practica totalidade das entidades deportivas reciben subvencións nominativas directas, as culturais deben acudir ás de concorrencia competitiva.
Atendendo ao cómputo xeral, para axudas ao deporte destinan 72.500€ mentres as de cultura fican en 47.000€. E fronte aos vinte cinco clubs deportivos que entraron nas axudas directas só unha entidade cultural percibiu subvención nominativa. Todas as demais deberán ir á concorrencia competitiva que repartirá os escasos 22.000€ de orzamento dispostos para ese fin. Aí quedan todas as asociacións e centros culturais parroquiais ou entidades como Espazo Lectura, Cantares do Brión ou o IEM que, coa súa programación anual, producen a maior parte da actividade cultural do noso concello.
Durante o debate plenario, a portavoz municipal do BNG, Manuela Rodríguez, advertiu que “esta situación discriminatoria é froito do mal uso ou abuso que goberno municipal fai das subvencións nominativas”, porque estas deberían ter carácter excepcional. Trasladou a voceirs nacionalista que o procedemento normal de concesión debería ser a concorrencia competitiva, “para garantir un tratamento común e transparente” a todas entidades que pretendan ser beneficiarias de subvencións municipais.
Así mesmo, Rodríguez volveu preguntar polo plan estratéxico de subvencións que o Concello debería ter aprobado con carácter previo á súa concesión. Un plan que debe contemplar as áreas a fomentar e os obxectivos a conseguir co outorgamento das subvencións, así como as súas fontes de financiamento.
Rexeitada a proposta de aumentar achega a Proxecto Gato
Dentro das subvencións nominativas para entidades de fin social, o BNG fixo unha proposta de modificación dos importes da proposta do goberno do PSOE. Tratábase de incrementar o importe da asignación a Proxecto Gato para contribuír a paliar en parte as perdas materiais sufridas a consecuencia do incendio sufrido nas dependencias onde desenvolve a súa actividade.
Á esta entidade, que destina arredor de 10.000€ ao control das colonias felinas de Gondomar, só lle asignaron 2.500€. A proposta do BNG consistía na minoración de apenas un 6% ás entidades deportivas que percibían un importe superior a 1.000€ para, dese xeito, poder destinar á protectora outros 2.500€. “Pero o goberno local non aceptou a proposta”, lamentou Rodríguez.
