O BNG de Gondomar continúa a campaña informativa sobre a ordenanza reguladora do prezo dos servizos de auga e saneamento, iniciada o pasado mércores en Borreiros. As reunións veciñais pendentes concentraranse na semana que entra, agrupando parroquias. A próxima, para as parroquias de Couso e Peitieiros,  será mañá, luns 31 de agosto, ás 20.15h, no Centro Cultural de Peitieiros.

O texto da ordenanza pode consultarse aquí e o prazo para presentación de reclamacións e suxestións, de trinta días hábiles, remata o 17 de setembro.

O BNG, que avoga pola xestión pública, lamenta que o goberno do PSOE insista nunha privatización dos servizos municipais que só contribúe a dar beneficio á empresa que os presta, que os fai máis caros, que merma a súa calidade e que non garante o interese xeral.

Para alén diso, a proposta de ordenanza fiscal do goberno Ferreira non introduce no seu articulado ningunha medida de bonificación de tipo social ou que incentive o aforro de auga. E mesmo algunha das súas disposicións poden supoñer un gran agravio para a veciñanza que non dispón de saneamento nas súas vivendas, que en Gondomar son preto de 3.000 pola desatención deste servizo por parte do goberno municipal.

A portavoz municipal do BNG en Gondomar, Manuela Rodríguez, traslada que o BNG está a celebrar esta rolda de encontros parroquias para informar do contido da ordenanza, “algo que non fai o Alcalde”, para explicar a súa alternativa e para recoller achegas que incorporar á súa proposta de alegacións a presentar antes do remate do prazo de exposición pública.

Rodríguez anima a veciñanza a se achegar e participar destas reunións en que, ademais do tema principal, poderán falar de calquera outro nunha rolda aberta de intervencións.