Manuela Rodríguez Pumar

O BNG de Gondomar ten convocada, para hoxe martes 5 de abril, ás 20:00 horas, a cuarta mesa parroquial de debate dentro da súa campaña a prol do saneamento integral do concello.

Ao igual que as realizadas con anterioridade, a xuntanza servirá para poñer en común a situación do saneamento na parroquia e para recoller e trasladar propostas de mellora neste servizo de competencia municipal.

Como primeira medida, para as vivendas que non están cubertas pola rede de sumidoiros o BNG trasladará a veciñas e veciños de Peitieiros a súa proposta de implantación dun servizo municipal de baleirado de pozos negros e fosas sépticas.

Así mesmo, o BNG reclama do goberno local prioridade e investimentos reais para o saneamento integral de Gondomar, porque a evacuación e tratamento das augas residuais é un servizo básico que os concellos teñen que garantir, mais en Gondomar hai varias parroquias nas que a rede municipal de saneamento atende escasamente o 10% das vivendas, e en ningunha parroquia acada máis do 70%.