O Bloque Nacionalista Galego organiza este xoves 16 de outubro ás 20:00h un encontro aberto baixo o título “O Val Miñor que queremos: realidades e expectativas dende o local ao común”, que terá lugar no local do BNG de Nigrán (Rúa dos Argonautas nº34, entrechán, A Ramallosa).
No acto intervirán Iago Pereira, portavoz municipal do BNG en Baiona; Xavier Rodríguez, portavoz municipal en Nigrán; e Manuela Rodríguez, portavoz municipal en Gondomar.
A través desta palestra, o BNG pretende abrir un espazo de diálogo e análise compartida sobre o presente e o futuro do Val Miñor, poñendo o foco nas necesidades comúns dos tres concellos e nas oportunidades de cooperación local para avanzar cara a un modelo de desenvolvemento sostible, xusto e pensado para a xente.
Desde o Bloque Nacionalista Galego fan un chamamento á veciñanza a participar activamente, achegando ideas e propostas para construír un Val Miñor máis cohesionado, con servizos públicos fortes, un territorio respectuoso co medio ambiente e un proxecto de país compartido dende o local.
